A muller, veciña de Verín, fora asasinada o pasado 8 de maio no complexo hospitalario ourensán.
A Marcha Mundial das Mulleres (MMM) presentou este martes no rexistro da Subdelegación do Goberno en Ourense unha reclamación ante o Consello Xeral do Poder Xudicial pola “desprotección” que sufriu Isabel Fuentes, vítima da violencia machista. A muller fora asasinada o pasado 8 de maio no complexo hospitalario ourensán, presuntamente a mans do seu marido. Un mes antes, sufrira unha agresión na súa casa de Pazos (Verín), atribuída polo seu home a un suposto intento de roubo. Debido ao forte golpe na cabeza, Isabel entrou en coma e permanecía ingresada no CHUO, onde foi acoitelada.
Ximena González, en representación da MMM, consideraba “evidente” que a actuación xudicial e policial foi “neglixente” no caso de Isabel Fuentes, que non recibiu protección no hospital malia as alertas da Garda Civil. “Non queremos prexulgar, pero algo fallou, queremos respostas”, dixo.
O mecanismo empregado para a reclamación ten o formato de reclamación patrimonial “co incalculábel valor da vida de Isabel Fuentes simbolizado no euro que colocamos no texto obrigadas pola xustiza a encauzar a nosa denuncia mediante esta vía administrativa”. “Unha xustiza que nos nega o dereito a reclamarnos tamén nós agredidas polo asasinato dunha muller e da que agardamos reflexión e explicacións sobre o que se fixo mal para non se protexera a Isabel Fuentes”, explicaban desde a Marcha. 1.200 sinaturas, entre colectivos e persoas a título individual- apoian esta iniciativa das feministas.
A Macha Mundial das Mulleres agarda agora recibir un informe do Consello Xeral do Poder Xudicial “en relación ao relato dos feitos e as tráxicas consecuencias para Isabel Fuentes, que son igualmente tráxicas para todas”. Nos vindeiros meses seguirá desenvolvendo esta campaña de denuncia con queixas e actos nos xulgados, entre eles o de Verín.
Nos últimos quince anos morreron en España 700 mulleres a mans dos seus compañeiros varóns, e mentres que no ano 2014 os delitos violentos sufriron un considerable descenso do 18%, os delitos de violencia contra as mulleres sufriron un aumento do 2%,