Os promotores destacaron o elevado grao de creación de empresas das tres anteriores convocatorias.
O presidente do Inorde, Rosendo Fernández, e o presidente da Cámara de Comercio de Ourense, Juan Carlos Parada, presentaron o cuarto programa de creación e consolidación de empresas que desenvolverán ambos organismos en colaboración coa Fundación Incyde.
Enmarcado no Plan “Transforma Ourense”, o programa ten como obxectivo proporcionar a emprendedores e empresarios unha visión global das distintas áreas funcionais da empresa co fin de determinar oportunidades de mercado e desenvolver o plan de empresa ou, no seu caso, o plan de mellora. Tras unha edición centrada en empresas do ámbito agrícola, gandeiro e forestal, e dúas máis do ámbito servizos, este cuarto programa céntrase no sector das industrias culturais e creativas.
O programa ten unha duración de oito semanas, cun total de 320 horas de formación das cales 280 horas se dedican a formación específica, con titorías individualizadas para cada proxecto. Está financiado polo Fondo Social Europeo (que achega 20.000 euros) e polo Ministerio de Cultura (que contribúe con 5.000 euros).
Balance
Trala realización dos tres anteriores programas en 2014 e 2015, os organizadores coinciden no alto grao de éxito desta iniciativa. “El índice de creación de empresas es altísimo”, indicaba Juan Carlos Parada. Rosendo Fernández engadía, pola súa parte, que se trata de programas “moi adaptados á realidade ourensá”.
Así, no primeiro programa, de craeción e consolidación de empresas e autoemprego no ámbito da xestión agrícola, gandeira e forestal, 22 emprendedores crearon 19 proxectos empresariais. No segundo programa, de creación e consolidación de empresas e autoemprego, ofreceuse apoio especializado a 18 proxectos presentados por 22 emprendedores, catro dos cales eran xa empresarios que querían implementar plans de mellora nos seus negocios. E finalmente no terceiro programa de creación e consolidación de empresas e autoemprego, puxéronse en marcha outros 22 proxectos empresariais.
Os interesados poden inscribirse ben no Inorde ben na Cámara de Comercio. Hai un cupo de 25 emprendedores/empresas e todos eles deben ter xa unha idea de negocio clara, que será orientada polos docentes de Incyde.