Consideran que os datos de usuarios e actividades no centro feitas públicas pola Administración non responden á realidade.
A Plataforma en defensa da Casa da Xuventude dubida da veracidade dos datos achegados pola Xunta de Galicia para defender o funcionamento deste recinto. Segundo datos feitos públicos pola deputada popular Marisol Díaz Mouteira no Parlamento Galego, o Espazo Xove de Ourense en 2014 “rexistrou unha das súas mellores cifras en canto á afluencia de solicitantes e de actividades programadas, alcanzándose os 115.777 usuarios, fronte aos 73.795 do ano 2011, e se desenvolveron 670 iniciativas fronte ás 340 do 2011”. Isto é, unha media de 172 participantes por actividade.
Cifras que desminten desde a Plataforma xa que iso suporía que “o 245% das mozas da provincia de Ourense acudisen a actividades do Espazo Xove no ano 2014”, apuntaba unha das súas integrantes, Laura Míguez. “Ou ben as actividades non están dirixidas á mocidade ou ben os números están inflados”, engadiu, pondo como exemplo que “de ser certos, sería precisa unha media de 1.289 participantes por cada actividade realizada no polideportivo”. Para contrastar estes datos, a Plataforma solicitou hai máis de catro meses as memorias de actividades da Casa entre os anos 2011 e 2014, demanda que “aínda non contestaron”.
A Plataforma referiuse tamén á problemática da programación de actividades no Espazo Xove, que os obriga a reservar os espazos con dúas semanas de antelación, requisito que non sempre garante que se vaian conceder. Neste senso, Míguez indicaba que esta necesidade “non está recollida en ningún regulamento” e que botando un ollo á programación quincenal da antiga Casa da Xuventude vese que “a organización é nula e os espazos están baleiros”. É por iso que continúan a criticar o que denominan “proceso fraudulento” de creación do posto de coordinadora de actividades, un posto que non existe noutros Espazos Xove da comunidade e do que non conseguiron atopar información nin no DOG nin na relación de Postos de Traballo da Xunta.
Outro dos reproches ten a ver coa afirmación da deputada popular de non ter recibido ningún tipo de queixa formal polo funcionamento do Espazo, “cando desde a Plataforma se emitiron distintas reclamacións á Consellaría, á Xefatura Territorial e á propia Casa”.
Punto de Encontro Familiar
No relativo ao Punto de Encontro Familiar, Gabriel Gavela, membro da Plataforma, desmentiu as declaracións de Díaz Mouteira, quen afirmara que non interfería “no funcionamento ordinario, nin non desenvolvemento das actividades que organiza o propio centro”. Gavela explicou que o PEF ocupou toda un andar do Espazo Xove, e obrigou ao Centro Quérote+ a trasladarse ao cuarto piso, e instalarse noutros espazos anteriormente utilizados. De igual forma, o Punto interfire no funcionamento do centro, “pois actividades de asistencia pública como exposicións, ensaios, obras ou bailes son incompatibles co anonimato e a busca de intimidade querequiren as familias que acoden ao Punto de Encontro”, e mesmo “o seu horario de apertura sae fóra do estipulado para a Casa da Xuventude”.
Si están conformes na Plataforma en que se elabore un regulamento permanente e homoxéneo para todos os Espazos Xoves, tal e como anunciou Xuventude, pero agardan que se elabore “de forma democrática e participativa”, pois entenden que o regulamento “só pode ser eficaz se participan os usuarios”.