A formación está incluida no programa de boas prácticas alimentarias.

 

A Concellería de Sanidade do Concello de Ourense organiza dous cursos de manipulador de alimentos para hostalaría e restauración, hixiene e seguridade alimentaria, que se desenvolverán o día 16 de outubro: un en horario de mañá, e outro en horario de tarde. Están dirixidos a xestores de comedores colectivos, persoal de cociña e persoas interesadas en xeral, empadroadas no Concello de Ourense. Serán no Centro Municipal de Promoción da Saúde, na rúa Vasco da Ponte, 1.

As persoas interesadas poden incribirse a través de Rexistro Xeral do Concello, presentando solicitude na que indicarán se prefiren horario de mañá ou tarde, e un certificado de empadroamento.

O curso forma parte do programa de promoción de boas prácticas alimentarias e prevención activa da obesidade que desenvolve o Concello coa finalidade de fomentar patróns alimentarios equilibrados que promovan a nutrición saudable da poboación asegurando a inocuidade dos alimentos para previr as enfermidades transmitidas por prácticas desaxeitadas.