O informe da Consellería do Medio Rural, elaborado a partir das previsións das cinco denominacións de orixe galegas (catro son ourensás), reflicte que a cantidade de uva recollida incrementouse nun 20,85% con respecto a 2014.
A vendima deste 2015 nas cinco denominacións de orixe de Galicia (Monterrei, Rías Baixas, Ribeira Sacra, Ribeiro e Valdeorras) pode cualificarse como excelente, de acordo coas previsións feitas polos propios consellos reguladores, tanto desde o punto de vista da cantidade como da calidade.
Así se desprende dun informe elaborado pola Consellería do Medio Rural e do Mar, no que se constata un incremento do 20,85% na cantidade total de uva recollida con respecto á vendima de 2014. Deste xeito, para este ano a previsión da colleita é de 63 millóns de quilos de uva, fronte aos 49,8 millóns da campaña de 2014.
Por denominacións de orixe, o maior incremento previsto con relación ao ano pasado rexístrase na de Rías Baixas, cun 27,82%. Séguenlle a D.O. Monterrei, cun 19,4% de aumento. Moi preto desta cifra está o Ribeiro (incremento do 19,3%). A positiva evolución rexistrada en relación coa última tempada ven confirmar a tendencia dos últimos dez anos. Así, de facerse efectivas as previsións, a vendima de 2015 será a segunda mellor do período, só superada pola de 2006, na que se recolleron algo máis de 64 millóns de quilos nas denominacións de orixe de Galicia.
Este ano a maioría de comarcas comezaron a vendimar na última semana de agosto, adiantándose así unha semana respecto a anteriores campañas. En Ribeiro, Rías Baixas e Ribeira Sacra estiman rematar a vendima na primeira semana de outubro, mentres que en Monterrei e Valdeorras agardan ter acabado a mediados ou finais de setembro.
Cómpre destacar tamén que para controlar esta vendima mobilizáronse por parte das distintas denominacións de orixe e da Consellería do Medio Rural e do Mar máis de un centenar de técnicos, entre persoal fixo e eventual.