“O PSdeG incluirá esta demanda nas emendas aos orzamentos da Xunta para o ano 2016”, asegura a deputada Carmen Acuña.
Os socialistas galegos apoian as reivindicacións dos concellos de A Rúa e Petín, ambos na provincia de Ourense, con problemas no abastecemento de auga.
A deputada do PSdeG Carmen Acuña mantivo no Parlamento unha reunión co alcalde de Petín, Miguel Bautista, e coa alcaldesa da Rúa, María González. “É un problema de calidade e de cantidade, non teñen auga suficiente e nalgúns núcleos non é potable”, afirma.
“Levan tempo así e queren unha solución definitiva, os socialistas estaremos atentos á reunión que hoxe mesmo manterán con Augas de Galicia e incluiremos esta demanda nas nosas emendas aos orzamentos da Xunta para o ano 2016”, sostén Acuña.
“A auga procede do embalse de San Fiz e os dous concellos necesitan levar adiante un proxecto para que proceda do río Mao, pero para iso necesitan o apoio da Xunta, da Deputación de Ourense e da Confederación Hidrográfica”, engade a deputada socialista.
Tras o encontro de traballo, o grupo do PSdeG manterá o contacto cos concellos afectados e presentará diferentes iniciativas no Parlamento se non chega unha solución a curto prazo. “Falamos dun problema de saúde pública e as administracións teñen que arranxalo”, engade Acuña.