A actividade ofrece as claves para coñecer mellor a música clásica e gozar dela mostrando o que hai detrás de cada obra.
A Fundación Galicia Obra Social (Afundación) estrea o vindeiro 6 de outubro un novo ciclo de audicións comentadas de música clásica e ópera na Sede de Afundación en Ourense (Avda. de Pontevedra, 9).
Na actividade, que se desenvolverá ata xuño de 2016, o musicólogo Manuel López-Benito iniciará os participantes no mundo da música clásica, co obxectivo de que poidan achegarse ás obras dos grandes autores desde o contexto en que foron escritas e desde as claves que están detrás de cada composición.
A primeira sesión, que terá lugar o martes 6 de outubro de 19.30 a 21.30 h., será de carácter gratuíto para que os asistentes poidan facer unha primeira aproximación á actividade que xa imparte con éxito Afundación noutras cidades galegas. As vindeiras sesións do ciclo desenvolveranse no mesmo horario todos os martes ata o mes de xuño. As persoas interesadas poden inscribirse a través da web de Ataquilla.com, no teléfono 988 391 746, ou no propio centro.
A música clásica, fonte inesgotable de emoción é o título deste novo ciclo de audicións que incluirá obras das grandes páxinas da música clásica que serven de exemplo para poder entender cuestións como a importancia da biografía do compositor, o momento histórico no que se compón a obra, a elección da forma musical, a importancia da dirección orquestral etc. Unha viaxe sonora a través da Historia da Música e de recoñecidos compositores como Mozart, Beethoven, Brahms, Schumann ou Rossini, entre outros.