Alfonso Alonso destacou o potencial turístico do termalismo, así como as súas grandes vantaxes para a saúde dos máis maiores.
O ministro de Sanidade, Alfonso Alonso; a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro; o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; e o delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, foron algunhas das autoridades políticas que participaron este xoves 26 de setembro na inauguración da 15ª edición de Termatalia, Feira Internacional do Turismo Termal.
Neste acto, Alonso destacou que a cura termal é “doblemente útil, ya que es recomendable en determinadas terapias de rehabilitación y constituye una alternativa de turismo”. En canto ao seu uso terapéutico, o ministro lembrou que o Instituto de Maiores e Servizos Sociais (Imserso) aposta polo termalismo desde 1989. “Se trata de un proyecto dirigido a personas mayores y a pensionistas con discapacidad, con el objetivo de ofrecer, a precios asequibles, tratamientos termales”, explicou. Nestes 25 anos esta iniciativa multiplicou a súa oferta, pasando das 30.000 prazas ofertadas en 1990 ás 210.000 de 2015, xerando, así mesmo, 15.000 postos de traballo.
E en relación a esta progresión, o ministro adiantou que a intención do Goberno Central é seguir apoiando este proxecto. “De hecho, el Consejo de Ministros aprobará este viernes la ampliación de crédito de 72 millones de euros que permitirá asegurar las plazas para 2016 y 2017”, detallou.
Pola súa banda, Nava Castro aproveitou a inauguración para destacar que “Termatalia constátase como a feira de Turismo Termal máis importante a un lado e ao outro do océano Atlántico”.
Na apertura do X Encontro Internacional sobre Auga e Termalismo, que tivo lugar tamén o xoves pola mañá, Castro subliñou que “a formación relacionada co termalismo é un dos eslavóns principais á hora de desenvolver este recurso endóxeno”. Ademais, aclarou que, “conscientes da importancia da formación”, o coñecemento termal integra unha das liñas estratéxicas do Plan Termal, un plan que, segundo explicou, ten por obxecto fortalecer o sector turístico termal da provincia de Ourense e a consolidación e posicionamento de Galicia como destino termal global.