Este venres levarase a debate unha moción con esta proposta no pleno ordinario do Concello de Ourense.

 

O BNG considera necesaria para garantir un «PXOM participativo» unha segunda exposición pública con fase de alegacións. O pasado 15 de setembro os nacionalistas rexistraron no Concello de Ourense a petición de que algún dos grupos políticos levase ao pleno deste 2 de outubro o debate sobre a segunda exposición pública do PXOM e unha nova fase de alegacións. Desde o BNG saúdan que Ourense en Común faga súa esta proposta e recolla esta reclamación que o BNG vén defendendo desde 2013.

“A moción que vai a pleno leva incluídos outros puntos sobre o PXOM que agardamos non distraian do debate central: a segunda exposición pública con fase de alegacións, e que este non sexa sacrificado pola esixencia de aprobación de esas outras medidas complementarias que, sendo interesantes, non definirán, como esta segunda exposición, o futuro do documento máis importante de planificación para Ourense.”

En 2013, durante a primeira exposición do planeamento, o BNG acadara o compromiso do PSOE dunha segunda exposición do Plan. “Agora terán que explicar que cambiou para que a participación das veciñas sexa sacrificada, se así é finalmente”, di Ximena González.

«Só as veciñas e a oposición, que neste momento ten maioría no Pleno, poden frear as ansias do PP de apoiar as grandes promotoras e especuladores imobiliarios para favorecer pelotazos urbanísticos», valoran os nacionalistas.

O Bloque tamén valora a posición de Democracia Ourensana, que din «non contribúe en nada a resolver os problemas da cidade: abstivéronse na aprobación inicial, non presentaron emendas ao Plan no tempo de exposición pública e hoxe din que queren comezalo de novo».

O responsábel non é, nen pedir que se retire o plan nen aprobalo sen unha nova fase de participación. E este venres toca que os grupos presentes en pleno definan o seu grado de responsabilidade co futuro desta cidade. Unha cidade que precisa dun planeamento que vaia da man de quen a habita”, conclúen.