O Comité ven de presentar unha iniciativa para debate no Concello de Ourense, e fará o propio no resto dos concellos, Parlamento Galego, Fegamp e deputacións.
O Comité de Defensa do Monte Galego considera «un insulto á cidadanía» o anuncio por parte do Ministerio de Medio Ambiente de destinar 500.000 euros a actuacións de recuperación das zonas afectadas polo incendio de Cualedro, que arrasou este verán 3.180 hectáreas e ameazou varios núcleos de poboación.
O CDMG remítese a estudos publicados que falan de que o custo económico estimado por hectárea queimada supera os 4.000 euros, «o que dista moito da cuantificación que fai o goberno duns ridículos e insultantes 147 euros por hectárea».
Os integrantes deste colectivo tamén critican «a pasividade do goberno». «Xa pasou máis de un mes, ten sido a tónica xeral. Máis aló da foto de rigor de Feijoo e da Conselleira, a día de hoxe non se iniciaron os traballos de restaruración e recuperación das zonas queimadas, e polo que se ve aínda non están nin previstos», indican.
Para o Comité é «absolutamente imprescindíbel» que se acometa un proxecto de restauración e recuperación» con carácter de urxencia, antes de que a climatoloxía se torne adversa, o que provocaría un dano moito maior do xa producido». Lembra que a escasos metros da zona cero do incendio, nas inmediacións de Lucenza, hai un depósito de auga que dá abastecemento á veciñanza do lugar, e que de producirse unha escorrentía produto das choivas provocaría que as cinzas e borralla penetrarían no manancial, co conseguinte risco de contaminación e perigo para as saúde das persoas.
O Comité de Defensa do Monte Galego fixo esta valoración logo de presentar por rexistro no Concello de Ourense unha iniciativa para o seu debate, con propostas dunha nova política agroforestal, que tamén levará a outros municipios, deputacións, Fegamp e Parlamento galego.