A concelleira de Asuntos Sociais, Sanidade, Igualdade, Xuventude e Voluntariado, Sofía Godoy, presentou o seu balance de xestión nestes 100 cen días de goberno.
O Espazo Lusquiños acolleu o balance de actividades postas en marcha polo Concello de Ourense en materia social dende o pasado 13 de xuño, co novo goberno.
A concelleira de Asuntos Sociais, Sanidade, Igualdade, Xuventude e Voluntariado, Sofía Godoy, recalcou que o Goberno municipal “ten un compromiso inequívoco con quen máis precisa da nosa axuda” e recalcou o intensa labor que se está a desenvolver no Concello nestes aspectos, que enumerou en 30 grandes medidas novidosas, e agradeceu expresamente aos funcionarios municipais pola súa dedicación e traballo para sacalas adiante.
Na área de Xuventude, Godoy explicou que se desenvolve por primeira vez o Programa Galeuropa co obxecto de reforzar a empregabilidade e as competencias profesionais dos mozos ourensáns e tamén no Programa Erasmus+, programa que combina educación, formación e deporte.
A Concellería tamén traballa en dotar de servizos e contido ao Espazo Lusquiños, cunha programación xa deseñada e que comezará en outubro. Mes no que tamén se implantará en institutos e centros de FP as “antenas xuvenís”, para a difusión e participación en actividades xuvenís e de voluntariado.
Na área de Voluntariado, estáse impulsando a súa colaboración co resto de áreas relacionadas co ámbito social, como maiores, infancia, discapacidade, inmigrantes ou minorías étnicas, así como coas concellerías de Medio Ambiente, de Educación e de Termalismo. A Concellería ten solicitado á Xunta de Galicia a acreditación oficial europea para ser entidade de envío, coordinación e recepción de voluntariado europeo SVE.
Na área de Sanidade, empezouse a traballar no proxecto de mellora das instalacións da canceira municipal e aprobouse o proxecto da Ordenanza municipal de animais potencialmente perigosos.
Na áre de Maiores, programáronse máis cursos de autonomía persoal e prevención da dependencia, que chegarán a un número aproximado de 760 persoas. E por primeira vez realizaranse actividades interxeracionais que implicarán a maiores, adolescentes e nenos; a primeira delas o 1 de outubro no centro cívico da Ponte e ao longo do último trimestre do ano todos os sábados.
No que se refire ao funcionamento dos centros cívicos, dáse continuidade aos cursos para adultos con novidades.
Axudas a entidades e familias
Sofía Godoy tamén destacou a prioridade que para o seu departamento é a axilización de axudas dada a complicada situación que están vivindo moitas familias. Así, salienotu que se resolveron as axudas de material escolar e becas de comedor coincidindo co inicio do curso escolar , que destinaron en total 401.220 euros, un 3,7% máis que o ano anterior.
E con respecto a entidades sociais, resolvéronse as axudas do exercicio anterior e as destes ano, en total, 434.631 euros. Tamén se resolveron as subvencións concendidas aos programas de igualdade, das que se benefician oito entidades.
Asuntos Sociais acadou dúas subvencións, cada unha de 50.000 euros, para traballar con minorías étnicas e para atención a inmigrantes
A ampliación do horario do Fogar do transeúnte e a posta en marcha de talleres neste espazo, o incremento das horas do servizo de axuda no fogar para persoas dependentes en 5.600 horas máis, ou a elaboración dun protocolo de acollida de refuxiados sirios son outras das iniciativas levadas a cabo nestes tres meses.
Asuntos Sociais tamén dará continuidade ata final de ano ao programa de Comedor sobre Rodas e ao servizo de Teleasistencia, entre outros.