PP e PSOE defenden que non se dan os requisitos legais para que sexa necesario, e votan en contra da moción de Ourense en Común que a solicitaba.
O novo Plan Xeral de Urbanismo de Ourense non terá segunda fase de exposición pública con novo período de alegacións. Solicitábao no pleno ordinario deste venres Ourense en Común a través dunha moción que non prosperou ao votar en contra tanto PP coma PSOE.
Tanto o concelleiro de Urbanismo, Jesús Cudeiro, como o voceiro socialista, José Ángel Vázquez Barquero, coincidiron en que tería que haber unha modificación substancial do PXOM para ser necesaria –por lei- unha segunda exposición, situación que non se dá, afirmaron. Realizar de novo este trámite suporía, a xuízo de Cudeiro, retrasar a aprobación inicial “máis dun ano e medio”.
O voceiro de Ourense en Común, Martiño X.Vázquez salientou que a súa proposta era compartida por outras formacións como o BNG ou entidades como a CEO, a Cámara de Comercio ou a Asociación de Construtores, e criticou que non se tivera facilitado información aos veciños sobre o novo planeamento, algo que o resto de partidos negaron.
Por parte de Democracia Ourensana, que obtou pola abstención, o edil Pablo Prol solicitou que “se siga a legalidade”.
Mocións aprobadas
O resto das mocións presentadas a debate no pleno deste 2 de outubro foron aprobadas.
Así, aprobouse a moción de Democracia Ourensana, cunha emenda de Ourense en Común, para retirar o prego de contratación dos mupis que hai na cidade, malia que o alcalde –o PP votou en contra- xa recordou que as mocións “non son vinculantes”.
Tamén saiu adiante outra moción de DO –co apoio de PP e PSOE- para elaborar de maneira inmediata o Plan de Emerxencia Municipal que incorpore, á súa vez, un Plan Municipal de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais, e para revisar a ordenanza de limpeza de terreos.
Centro de Interpretación de Parques Naturais
E prosperou a emenda do PP –grazas ao voto favorable de DO- a unha moción socialista sobre o Centro de Interpretación de Parques Naturais de Quintela. O PSOE quería instar á Xunta a que informara ao Concello da situación deste proxecto, paralizado, e que a Administración autonómica garantise o reinicio urxente das obras. O texto aprobado só pide á Xunta explicacións e unha vez coñecido o seu informe, o alcalde convocará unha xuntanza de voceiros para tomar a mellor decisión con respeto a esta infraestrutura.
O máis crítico con este Centro de Interpretación foi Martiño X.Vázquez de Ourense en Común, que se preguntou se “de verdade necesitamos isto no concello de Ourense?” e reclamou que “se imos gastar os millóns que imos gastar, primeiro teremos que ter un plan de uso e viabilidade”.
Os votos de PSOE e Ourense en Común aprobaron a moción dos primeiros –emendada polos segundos – para que o Concello de Ourense se prepare para dar unha resposta “real e inmediata” aos refuxiados . PP e DO abstivéronse.
Por unanimidade de todos os grupos recibiu o visto bo a última moción de Democracia Ourensana para facilitar conciliación da vida familiar e laboral, a través da recollida de propostas das ANPAS.
PP e PSOE votaron a favor da moción de Ourense en Común para que Ourense se sume á marcha estatal contra as violencias machistas do 7 de novembro. Democracia Ourensana abstívose xustificándose Gonzalo Jácome en que é “un tema estatal” e que non ían aceptar “el chantaje emocional de que si no estamos a favor es que estamos en contra”. En cambio, para Sofía Godoy, concelleira de Asuntos Sociais, “é unha medida estatal pero debemos a nivel local facer determinadas actuacións”, aínda que só supoña “un grao de area”. A proponentes, Ledicia Piñeiro, respostoulle a Jácome que “se non concordas non é necesario que te xustifiques”.
Finalmente, aprobouse a proposta de Ourense en Común (cos votos a favor do PP) para trasladar o valor dos bens do Inventario Municipal de Bens e Dereitos e Patrimonio Municipal do Solo á contabilidade do Concello. Desde o grupo de goberno anunciouse maior coordinación das diferentes concellerías neste tema.
Ourense en Común pretendía debater unha moción sobre os incendios forestais con propostas do Comité de Defensa do Monte Galego, mais non foi aceptada a urxencia.