Os nacionalistas trasladan a súa sede a un local no número 2 da rúa das Burgas.
Cambio de sede para un novo tempo. O Bloque Nacionalista Galego abandona a histórica sede da rúa Concordia e estrea un novo local na rúa das Burgas, número 2. Por primeira vez sen representación no consistorio ourensán, o responsable local do BNG, Daniel Gómez, estima a militancia da formación como a “mellor ferramenta” para desenvolver o seu labor político, e anuncia un reforzo do papel dos grupos de barrio. “Os veciños de Ourense poden seguir contando con nós; non imos deixar de traballar por falta desea ferramenta”, engadiu, referíndose á ausencia de concelleiros nacionalistas no Concello de Ourense neste mandato.
Nesa liña, a súa compañeira Ximena González avanzou que o Bloque quere “seguir liderando esa posición crítica da cidade”, e seguir realizando traballo institucional aínda que sexa desde fóra das institucións.
Así, fixo referencia ao debate sobre o PXOM no pleno do pasado venres, proposto por este partido aos grupos con representación política. “A análise que facemos é profundamente crítica co resultado (a moción de Ourense en Común que pedía a segunda exposición non foi aprobada) e co propio debate”, apuntaba a ex concelleira. Ximena preguntouse “que medo ten o PSOE ou o PP a que haxa unha segunda exposición pública” e apuntou a un posible acordo entre estes dous partidos para aprobar o novo Plan Xeral.
Subliñou, ademais, que hai discrepancias sobre o que significa “modificacións substanciais”, que é o matiz que obriga ou non a esa segunda exposición pública. “Ese incremento de máis de 4.000 vivendas (que pretende o PP) é unha modificación substancial”, recalcou. Ximena González alertou que “hai moitos PXOMs que non se someten a segunda exposición pública e os tribunais obrigan despois a que se faga; podemos estar nunha nova situación de inseguridade xurídica”.
Os nacionalistas tamén prestarán atención nos próximos meses a cuestións como o proxecto de expropiación das Burgas, o plan de emprego, o plan de equidade, a integración da alta velocidade ou a participación nos órganos municipais.