A decisión política está tomada, a falta do informe favorable da ACSUG, resaltan.
A Plataforma Pro Campus súmase aos parabéns pola declaración da “pertinencia socieconómico” da implantación do grao de Enxeñaría Aeroespacial no campus de Ourense por parte da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. “A decisión política está tomada a falta de obter un informe favorable da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG)” , valoran nun comunicado asinado por Etelvino Blanco.
Desde a Plataforma Pro Campus consideran que a verificación por parte da ACSUG é “unha tarefa meramente rutinaria que trata sobre aspectos puramente técnicos” do plan de estudos do futuro grao. Un grao que –salientan- foi avalado “pola Universidad de Vigo a través dos seus principais órganos de decisión e participación da sociedade (Consello de Goberno, Claustro Universitario e Consello Social) así como de todos os seus departamentos (20) e centros (5) no ámbito científico-tecnolóxico mediante a súa participación activa na Xunta de Titulación que elaborou as memorias académicas”.
O comunicado tamén destaca que historicamente, agás Enxeñaría Física, todos os títulos de grao que obtiveron o visto bo da Xunta de Galicia foron finalmente implantados.
Por estes motivos, non cren que se volva repetir o caso de Enxeñaría Física –que non prosperou- , “de xeito que no vindeiro curso académico 2015-16 poderanse cursar na «Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo» do campus de Ourense (en proceso de creación) uns estudos enfocados a un campo punteiro da tecnoloxía como é o aeroespacial partindo dunha base amplia en física e matemáticas”.
A Plataforma Pro Campus alude tamén ao apoio “incondicional” da sociedade ourensá e representantes institucionais e políticos á nova titulación e ao compromiso co campus ourensán do equipo reitoral liderado por Salustiano Mato. Tamén fan unha mención especial ao traballo do comisionado do Vigo-Tecnolóxico, José Antonio Vilán, “de cuxa man tense posto sobre a mesa un plan de estudos con todas as garantías para os alumnos”.