A Fundación Vicente Risco organiza o II Poemagosto.
O II Poemagosto é un festival que combina poesía e magosto e que se celebra o vindeiro domingo 11 de outubro en Allariz. Recitais, actividades infantís, música, presentación de poemarios, produtos da terra, arte e artesanía compoñen a oferta deste peculiar certame, que se desenvolverá desde as 11:30 horas da mañá no casco antigo alaricano e as súas inmediacións.
O programa iníciase ás 11:30 horas coa actuación das pandereteiras Escachaferreñas, á que seguirá a presentación do número 4 da revista poética “euOnça”. Ao longo da mañá alternará entre unha cita coa maxia (co Mago Gusi), a presentación dos poemarios “As marxes do tempo” de Antom Laia e “Atravesar o fantasma” de Carlos Callón”, e o contacontos “Manda castaña!”. A cita é na praza de Abaixo, salvo en caso de choiva, que se trasladará á Praza de Abastos.
Logo dun xantar na Fundación Vicente Risco, no que se presentarán “Produtos de calidade e poesía” a cargo de Fina Rei e Alicornio, ás 16:30 retomarase a actividade na praza de Abaixo. Será cun recital de poesía coa participación de Eli Ríos, Antom Laia, Teresa Ramiro, Lorena Rei, Carlos Callón, Alfredo Ferreiro, Noelia Gómez, Virgínia do Carmo, Joâo Madureira e Wladimir Vaz.
O II Poemagosto remata a partir das 19:30 horas co concerto de Sés na carpa instalada no terreo contiguo ao Festival de Xardíns. O prezo das entradas é de 11 euros e pode adquirirse na libraría Aira das Letras (ou ben na súa web). O importe íntegro da entrada doarase a Fundación Vicente Risco, organizadora do evento.