Serán entregados durante o 3º Foro da Comunicación que se celebrará en Expourense o 25 de novembro.
Expourense prepara xa a 3ª edición do Foro da Comunicación de Galicia que se celebrará o vindeiro 25 de novembro convertido xa no punto de encontro dos profesionais e futuros profesionais da comunicación, o marketing, a publicidade e o sector audiovisual de Galicia.
No marco desta actividade, Expourense convoca a III edición dos “Premios á Comunicación Innovadora de Galicia” que xurdiron co obxectivo de recoñecer publicamente iniciativas profesionais e empresariais que destacaran por ter revalorizado o eido da comunicación, fomentando con elo o desenvolvemento socioeconómico da comunidade galega. Queda aberto o prazo de presentación de candidaturas que rematará o vindeiro 17 de novembro.
Premios
Nesta edición entregaranse catro premios: á estratexia de comunicación empresarial dunha PEME; á aplicación da comunicación dixital no sector xornalístico; á iniciativa emprendedora no eido da comunicación e unha distinción especial de “Novos talentos”.
Poderán optar a eles os profesionais e as pequenas e medianas empresas que desenvolvan o seu traballo en Galicia e tiveran realizado un labor destacado no eido da comunicación (xa sexa de ámbito empresarial ou xornalístico). A distinción especial para Novos Talentos está aberta de maneira especial a estudantes das universidades e escolas profesionais relacionadas coa comunicación social ou corporativa.
As candidaturas poden ser entregadas en persoa en Expourense, enviadas por correo posta (Finca Sevilla s/n, 32005 Ourense) ou por email a rrpp@expourense.org ou expourense@expourense.org.
Premio á creatividade publicitaria
Unha das novidades deste 3º Foro da Comunicación de Galicia serán os premios á “Creatividade na publicidade galega” promovidos por Creatividade Galega coa colaboración do Clúster da Comunicación Gráfica de Galicia. As bases para participar nesta nova candidatura estarán dispoñibles proximamente na web de Expourense.
Foro da Comunicación
O Foro da Comunicación que se desenrolará durante o día 25 de novembro terá unha estrutura semellante ás anteriores, con conferencias e mesas redondas de expertos, obradoiros prácticos e a entrega de premios. Sobre os temas elixidos polo comité para este Foro destacan a exposición de casos de éxito de PEMES á raíz de incluír un servizo de comunicación profesional; a comunicación solidaria e vencellada coa cooperación social; a divulgación científica como unha nova vía para o xornalismo ou a presentación do Campus CREA de Pontevedra.
No referente á parte práctica profesionais de MARKEA e profesores das distintas Facultades impartirán obradoiros sobre distintos temas vencellados á comunicación como o Marketing directo ou o Co-marketing. De forma complementaria, existirá unha área expositiva.
A asistencia ao foro é gratuíta pero precisa de inscrición previa a través de www.expourense.org. Nesta web tamén poderá descargarse o bono desconto do 35% para aqueles que acudan a Ourense en tren.