As obras estanse a executar ao abeiro do Fondo de Compensación Ambiental e de dous convenios de cooperación.
O delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, achegouse este xoves ata o concello de Parada de Sil para visitar xunto a súa alcaldesa, Yolanda Jácome, algunhas das últimas actuacións realizadas no concello ao abeiro das axudas da Vicepresidencia. En concreto, este municipio recibiu este ano máis de 80.000 euros procedentes de distintas liñas de axudas do seu departamento, como son o Fondo de Compensación Ambiental e os convenios de cooperación asinados grazas ao saldo de crédito que quedou tras resolver unha orde de subvencións da Vicepresidencia para a creación e/ou mellora das infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais destinadas a concellos galegos en 2015.
A través destes convenios de cooperación a Xunta investiu preto de 60.000 euros para levar a cabo dúas actuacións: reparación dos pavimentos de rúas nos núcleos de poboación de Caxide, Forcas e Pradomao e a construción duns módulos de aseos e recepción de visitantes no entorno do Mosteiro de Santa Cristina de Rivas de Sil.
Rogelio Martínez referíndose a esta última intervención destacou que “a masiva afluencia de visitantes ao mosteiro e a igrexa, cifrada en 17.000 persoas ao ano, obrigou a ter que construír uns áseos públicos na súa contorna protexendo e respectando a súa riqueza monumental”. Así a alcaldesa explicou que a construción executouse tendo en conta as normas e recomendacións dos técnicos da Comisión provincial de Patrimonio.
Pola súa banda, destináronse 20.000 euros a mellorar a capa de rodadura das rúas de varios núcleos do concello, que sufrían unha importante deterioración e presentaban numerosas fochas no firme.
Ambas as dúas subvencións están cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) no marco do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia, que ten entre as súas prioridades “a mellora da calidade de vida nas zonas rurais”.