Convenio entre CHMS, APA, UVIgo e UPorto

Os resultados do proxecto “Risc Miño-Limia” suporán un avance de cara a un plan hidrolóxico compartido nas concas internacionais de ambos ríos.

A Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS) e a Axencia Portuguesa do Ambiente acaban de firmar un protocolo de colaboración para desenvolver o proxecto de cooperación transfronteiriza “Risc Miño-Limia”. Un plan, cuxo obxectivo é mellorar o coñecemento das concas internacionais co ánimo de minimizar os efectos ante fenómenos extremos, de intensas choivas ou secas prolongadas, avanzando con iso na intención de ambos os países de camiñar cara a un plan hidrolóxico compartido.

Este proxecto, no que tamén colaborarán a Universidade de Vigo, a través do Campus da Auga – Campus de Ourense-, e a do Porto, a través dun grupo de traballo de Hidráulica, Recursos Hídricos e Ambiente do departamento de Enxeñaría Civil, será un complemento á experiencia técnica e profesional coa que mellorar a xestión integral dos recursos hídricos nas concas transfronteirizas.

O convenio foi asinado este xoves polo presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, Francisco Marín, o seu homólogo da Axencia Portuguesa do Ambiente, José Carlos Pimenta, o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, e o profesor Rodrigo Maía en representación da Facultade de Enxeñaría da Universidade do Porto, nun acto na Subdelegación do Goberno en Ourense en presenza do subdelegado, Roberto Castro. Todos eles congratuláronse desta colaboración internacional, pois «os ríos non coñecen de fronteiras», apuntaba Pimenta.

O «Risc Miño-Limia» presentarase á candidatura dos proxectos de cooperación transfronteiriza entre España e Portugal (POCTEP). Os seus promotores confían en conseguir de Europa a financiación precisa, 2,5 millóns de euros, que se destinará integramente a investigación e coñecemento.

En detalle
O presidente da CHMS, Francisco Marín, explicou que o proxecto incluirá a realización dun “inventario realista” dos recursos hidrícos de ambas bacías, que teña en conta o efecto do cambio climático nas partes española e portuguesa da demarcación. Tamén se elaborará unha cartografía «axeitada», dado que na actualidade se traballa “con cartografías moi antigas”.

Ademais, crearase un novo sistema de indicadores e limiares para situacións de seca e porase en marcha un novo sistema de alerta temperá de inundacións e os seus efectos sobre a poboación, baseado en modelos hidrometeorolóxicos e hidráulicos de software libre, que ofrezan unha previsión continua, polo menos a 72 horas en toda a demarcación, especialmente nos tramos transfronteirizos. Marín puxo o exemplo da conca do Limia, que é moi plana; a partir do coñecemento que se xere co «Risc Miño-Limia» “poderemos deseñar métodos de retención natural para previr avenidas”, apuntou.

Pola súa banda, o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, destacou que o «Risc Miño-Limia» xerará “formación e posibilidades de futuro para os nosos mozos” e salientou o feito de que se enmarque “na especialización do campus de Ourense no campus da auga”. Por parte do campus ourensán participarán especialistas en hidroloxía e clima.

Plan hidrolóxico conxunto
E finalmente “o conxunto de accións previstas permitirán avanzar na elaboración, para o ano 2021, dun plan hidrolóxico conxunto, único para todo o ámbito da demarcación internacional, que mellore os impactos e presións de conxunto e permítanos adiantarnos aos episodios de intensas choivas ou prolongada seca, coordinados co veciño Portugal co que compartimos a conca transfronteiriza dos ríos Miño e Limia” explicou o presidente da Confederación Hidrográfica.