Mozos dos distintos centros educativos daranlle a coñecer aos seus compañeiros convocatorias, cursos, actividades e recursos de interese da institución municipal.
A Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) do Concello de Ourense ten por finalidade proporcionarlle á mocidade ourensá información, orientación e asesoramento nos distintos ámbitos da sociedade.
Dende a Concellaría de Xuventude impulsarán o proxecto de “Antenas de Información Xuvenil” que permite a descentralización informativa a través de mozos e mozas dos centros educativos que desenvolverán labor de informadores. Estes mozos informarán aos seus compañeiros sobre convocatorias, cursos, actividades e recursos en xeral que son interesantes para as persoas máis novas en centros educativos.
Este labor de información se realizarase mediante a xestión dun punto informativo en cada centro aos que se dirixe a convocatoria, tal e como lles explicou a concelleira de Xuventude, Sofía Godoy aos directores dos devanditos centros. Os centros interesados en ter este servizo deben remitirlle á OMIX o formulario de solicitude na que se recolle: os datos do centro e da persoa designada como titor da Antena de Información Xuvenil.
Os mozos seleccionados só poderán ser titulares dunha Antena Informativa. Os elexidos deberán contar con tempo suficiente para realizar as seguintes funcións: unha vez á semana, durante o curso escolar, pasar pola Oficina de Información Xuvenil a recoller a información (ou recibila por e-mail) e colgala no lugar asignado no centro; xestionar de forma bidireccional a información que se xere entre os axente implicados; e asistir ás reunións de coordinación.