As propostas poden ser presentadas ata o día 14 de novembro.

 

A Asociación de amigos do Castelo de Maceda, “Setestrelo», convoca os Premios Manuel Gómez Román de arquitectura, á recuperación do hábitat tradicional e construcións adxectivas, edición 2015.

Os “Premios Manuel Gómez Román” pretenden estimular a recuperación da arquitectura tradicional galega seguindo o criterio de orixinalidade, tanto nas formas como na utilización dos materiais utilizados para a rehabilitación. Comprenden dúas modalidades: unha de edificacións tradicionais rehabilitadas ou restauradas, e outra de construcións adxectivas (hórreos, pombais, muíños…) rehabilitadas ou reconstruídas.

As persoas interesadas deberán presentar os seus proxectos, de acordo coas bases da convocatoria que se acompañan, ata do día 14 de novembro de 2015, ás 12:00 horas. Trala valoración e decisión do xurado, terá lugar a entrega dos premios, o día 12 de decembro de 2015, ás 12.30 horas, no Castelo de Maceda.

No mesmo acto farase entrega da Medalla de Prata da Asociación a unha personalidade que teña salientado pola promoción e defensa do patrimonio material ou paisaxístico de Galicia.