A conselleira de Infraestruturas e Vivenda visitou a nova ARI de Ourense, que corresonde aos barrios de Serra de San Mamede, Cruceiro Quebrado e A Inmaculada.
175 vivendas incluídas en Áreas de Rehabilitación Integral (ARI) da cidade poderán optar a máis dun millón de euros de axudas da Xunta de Galicia e do Ministerio de Fomento para realizar obras de reforma. A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, visitou este venres a nova ARI coa que conta Ourense, que corresponde aos barrios de Serra de San Mamede, Cruceiro Quebrado e A Inmaculada, acompañada do alcalde, Jesús Vázquez, e do concelleiro de Urbanismo, Jesús Cudeiro.
Esta nova ARI foi declarada o pasado 15 de setembro, e vén sumarse ás outras tres áreas xa existentes na cidade, que eran as do casco histórico; a do núcleo de Seixalbo, e a do Polvorín, As Camelias e A Carballeira. Nesta nova fase do Plan Estatal de Vivenda, prevese rehabilitar 45 vivendas do casco vello, 4 en Seixalbo, 111 en Polvorín, Camelias e A Carballeira, e 15 nos barrios de Serra de San Mamede, Cruceiro Quebrado e A Inmaculada. A esta última ARI, elixida por entender que se trata de barrios degradados, destinaranse 90.000 euros, tanto para subvencionar os proxectos dos particulares como para obras de reurbanización de espazos realizadas polo propio Concello.
O alcalde explicou que os particulares e comunidades de propietarios poderán optar a subvencións de ata un 35% do custo total para obras de instalación de ascensores, melloras de accesibilidade, e rehabilitación interior e exterior. Técnicos da Xunta especificaban que principalmente os donos das vivendas solicitan realizar obras para mellorar a eficiencia enerxética e a envolvente térmica dos inmobles. Os interesados poden acudir ás oficinas do ARI do Concello de Ourense para informarse das actuacións subvencionables.
Jesús Vázquez destacou que Ourense é xunto con Vigo e A Coruña, “a que máis fondos recibe” para estas actuacións. En total Xunta, Fomento e Concello de Ourense destinarán para estas axudas 1.049.895 euros, 422.687 euros na anualidade de 2015 e 627.207 en 2016. Asemade, a conselleira apuntou a intención do Goberno galego de “seguir sendo un referente en rehabilitación”.
Ao abeiro das ARIs xa se teñen rehabilitado no concello de Ourense máis de 850 vivendas.
Outros municipios da provincia con ARI
A Xunta xa lles remitiu aos concellos para a súa tramitación os convenios que permitirán mobilizar as axudas para as Áreas de Rehabilitación Integral (ARI). A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, solicítalles aos 38 municipios con subvencións concedidas que adopten as medidas procedentes para formalizar a sinatura o antes posible, previsiblemente ao longo do mes de outubro. Ademais de Ourense, outros oito concellos da provincia contan con áreas de rehabilitación. Allariz recibirá 30.000 euros, Castro Caldelas 129.630 euros, Celanova 98.340 euros, Ribadavia 116.220 euros, San Cibrao das Viñas 35.760 euros, Verín 89.400 euros, Vilar de Santos 134.100 euros e Xunqueira de Ambía 111.750 euros.