Pablo Casado, vicesecretario de comunicación do PP, estivo presente e afirmou que os mozos “miramos ao futuro con outra esperanza e iso é froito de políticas adecuadas”.
A cuarta convención de cargos públicos menores de 45 anos dos populares ourensáns tamén contou coa presenza do presidente provincial, Manuel Baltar, cualificou ao PP ourensán como un partido renovado e transparente e asegurou que “aínda quedan moitas cousas por lograr, porque somos ambiciosos e todos os días queremos facer algo novo, innovando en política e nas administracións”.
Casado subliñou ante un centenar de novos cargos públicos que “tendes un partido forte porque o seu presidente, Manuel Baltar, ten moi claro o que é facer política do Partido Popular: estar na rúa, cun programa pegado ás necesidades da xente e iso viuse en Ourense”.
Con referencias ao traballo desenvolvido desde a Deputación impulsando o sector termal e turístico e á mellora que supoñerá a chegada do AVE a Ourense e Galicia, xa en clave nacional Casado cualificou de satisfactorio o balance da lexislatura. Agora, engadiu Pablo Casado “estamos a facer un programa ilusionante, atractivo, coa bandeira de 270.000 mozos que atoparon emprego e a baixada dun 27 % do paro xuvenil en España e non será por casualidade”.
Maior apoio ao PP
O presidente do PP de Ourense, Manuel Baltar, lembrou o incremento de apoio á formación obtido en todas as citas electorais desde 2010 e que nos pasados comicios municipais colocaron a Ourense como a terceira provincia de España en apoio ao PP.
Pola súa banda, o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, animou aos presentes a loitar por ser mellores cada día, pero facelo no partido que “máis se parece á xente, que aglutina todas as sensibilidades sociais e que sabe xestionar os intereses xerais, como o demostramos en todas as administracións”.
Relatorios
A convención incluía a presentación de dous relatorios. O primeiro a cargo de Monserrat Lama, concelleira en Xinzo de Limia e deputada provincial, quen subliñou que a motivación en política é imprescindible e que é necesario “ter claros os teus obxectivos e as ferramentas vas utilizar para conseguir a túa meta”, avogando tamén pola transparencia “como o mellor camiño para calquera político”.
A planificación e o turismo foron os argumentos centrais da intervención de Juan Anta, alcalde da Veiga e tamén deputado provincial, quen se referiu á planificación turística e o potencial da provincia, concretando tamén nos plans para o municipio da Veiga, apostando por un modelo de desenvolvemento “no que os veciños poñen en valor a súa cultura, patrimonio e o seu sistema de valores”.