Estas accións de estudo consistirán na instalación de cámaras de vídeo en interseccións seleccionadas no barrio da Ponte co fin de gravar o tráfico en diferentes franxas horarias.
A Xunta iniciará o vindeiro mércores os estudos de tráfico para avanzar na integración da terminal de autobuses na nova estación intermodal de Ourense. Estas accións consistirán na instalación de cámaras de vídeo en interseccións claves neste proxecto co fin de gravar o tráfico entre as 7 e as 19.30 horas, en diferentes franxas horarias. En concreto, a Xunta analizará a circulación na rotonda de acceso á actual estación de autobuses, nas rotondas das pontes Ribeiriño e do Milenio, no acceso á estación de ferrocarril actual, e no cruce entre a avenida das Caldas, a avenida de Santiago e a rúa Basilio Álvarez.
A Consellería de Infraestruturas e Vivenda, a través da Dirección Xeral de Mobilidade, impulsa a citada integración con estes traballos mediante os que se analizará a capacidade mínima necesaria para a nova terminal.
Dende o Goberno galego explícase que estas avaliacións son necesarias por mor da localización previstas para a nova intermodal. Neste sentido, analizarase a repercusión que puideran ter os novos fluxos de peóns, ciclistas, automóbiles e autobuses derivados da nova terminal e da estación de autobuses sobre o tráfico rodado existente na actualidade na contorna da estación de ferrocarril.
Estas accións que comezarán a executarse nesta semana contemplarán a realización dun mostreo de contraste, así como a actualización de datos do tráfico rodado existente na actualidade nos arredores da terminal de ferrocarril.
Nova estación intermodal
Cómpre lembrar que esta infraestrutura desenvolverase dentro do termo municipal de Ourense, nas inmediacións da actual estación de ferrocarril, situada na avenida de Marín.
A Dirección Xeral de Mobilidade, a través dun contrato de servizo adxudicado á empresa SGS Tecnos SA, está a levar a cabo un estudo, que estará rematado neste mesmo ano, e deberá analizar catro variables, como as necesidades e análise de impacto, o estudo funcional da nova terminal de autobuses, a avaliación de liñas, viario e tráfico e o levantamento topográfico.
Este estudo ten por obxecto o establecemento do programa de necesidades da nova terminal de autobuses integrada na intermodal de Ourense. Fixarase a capacidade mínima da nova terminal no que respecta a número de dársenas, servizos a prestar e dimensionamento de plataformas. Definiranse ademais os espazos e áreas necesarios para asegurar unha axeitada maniobrabilidade dos autobuses e avaliaranse as necesidades de aparcadoiro para turismos.
Este proxecto tamén contempla unha análise dos impactos que a actuación prevista terá sobre a contorna e en especial, sobre a poboación da área metropolitana de Ourense. O obxectivo é avaliar a potencialidade das actuacións previstas, o número actual e futuro de usuarios de ambas estacións, as pautas de mobilidade e desprazamento da poboación da área metropolitana e valorando o número de usuarios intermodais potenciais.