Esta iniciativa da Concellería de Asuntos Sociais ten como obxectivo promover a integración social e mellorar as condicións da educación dos nenos e adultos a través da implicación efectiva dos pais e as nais no proceso de ensino.
O Concello de Ourense, a tráves da Concellería de Asuntos Sociais, desenvolve un servizo de reforzo para actividades escolares dirixido á poboación inmigrante, no que participan este curso medio cento de alumnos, a maioría cunha incorporación tardía ao sistema educativo galego. Son catro escolares de Educación Infantil, 22 de Educación Primaria, 16 de Secundaria, 8 de Bacharelato, 2 de ensino para adultos e outros tres de ensino de galego para obter a certificación CELGA.
Segundo explica a concelleira de Asuntos Sociais, Sofía Godoy, esta iniciativa ten como obxectivo promover a integración social e mellorar as condicións da educación dos nenos e adultos a través da implicación dos pais e as nais no proceso de ensino: aprendizaxe dos seus fillos dentro dun modelo social integrador, para previr o abandono e o fracaso escolar.
Así, dende o Concello preténdese dar estímulo positivo enfocado a aumentar a motivación do grupo de nenos con que se traballa; instruír os nenos nas distintas estratexias de estudo; ofrecer apoio tanto educativo e como psicolóxico; guiar aos nenos nas súas tarefas escolares diarias; axudar aos alumnos para descubrir os servizos de becas que as distintas administracións ofrece aos estudante
No tocante ás perspectivas para o presente curso escolar, a concelleira Sofía Godoy manifesta que «queremos seguir dando impulso a esta iniciativa, traballando con poboación escolar inmigrante, co obxectivo de propiciar un salto tanto cualitativo como cuantitativo na resposta educativa e evitar tanto o abandono, como o fracaso escolar».
Este programa de reforzo, iniciado en 1996 no Concello de Ourense, intenta dar un apoio á poboación inmigrante en contextos extraescolares. Cunha única metodoloxía, a de reforzo xeral en todos os aspectos do seu currículo escolar ordinario e o cultivo dunha autoestima que facilite o seu proceso de ensino-aprendizaxe; así como potenciar os aspectos máis positivos que a diversidade cultural proporciona a toda a comunidade inmigrante do noso Concello cun seguimiento e control desde a oficina de atención ao inmigrante.
Para este curso a Concellería de Asuntos Sociais pretende incidir no maior compromiso dos pais de alumnos, na asistencia e o bo aproveitamento do servizo. Tamén se intensificará o control sobre os usuarios do programa no cumprimento dos seus deberes escolares, así como maior coordinación cos profesionais e centros educativos que atenden estes alumnos.