A concelleira de Asuntos Sociais, Sofía Godoy, presentou os actos conmemorativos que se desenvolverán o sábado 17 do Praza do Trigo e no Fogar do Transeúnte.

 

O Concello de Ourense súmase, por primeira vez, á conmemoración do Día Internacional para a Erradicación da Pobreza Extrema e a Exclusión Social. A concelleira de Asuntos Sociais, Sofía Godoy, presentou, xunto aos representantes de Cruz Roja (Diego Conde), Cáritas (Oscar Diéguez), Banco de Alimentos (Cecilio Santalices) e Asociación para a Prevención da Exclusión Social (Raquel Crespo), así como cun usuario dos servizos asistenciais, Robinson Alves -quen relatou que estes servizos foron cruciais na súa experiencia vital para saír da situación de exclusión social na que se atopaba-, os actos conmemorativos que se desenvolverán o sábado 17 na praza do Trigo e no Fogar do Transeúnte.

“A cidade de Ourense quixo sumarse por primeira vez ao crecente recoñecemento outorgado a esta Xornada na que se invita a todos os cidadáns a deixar constancia da súa solidariedade, xa sexa de forma individual ou a través da súa participación nunha organización. Coa creación de novos espazos e oportunidades de encontro, esta Xornada revela que o cambio é posible”, afirmou a concelleira de Asuntos Sociais.

«Non deixar a ninguén atrás: pensar, decidir e actuar xuntos contra a pobreza extrema». Este é o lema co que o Concello de Ourense quere que todos os ourensáns se unan, “se fagan eco deste día a prol dos máis indefensos, dos máis pobres, e debemos conseguir que aqueles que non queren oílo o oigan, que aqueles que deben axudar a conseguilo escoiten, que aqueles que impiden conseguilo o perciban, porque estamos convencidos e decididos a conseguilo”, proclamou Sofía Godoy.

O Concello de Ourense non pode ser alleo a esta realidade e por iso o sábado, 17 de outubro, ás 11, darase lectura na Praza do Trigo ao Manifesto do Día Internacional para a Erradicación da Extrema Pobreza e da Exclusión Social e realizaranse graffitis sobre papel alusivos ao lema deste día: “Non deixar a ninguén atrás: pensar, decidir e actuar unidos contra a pobreza extrema”.

Xa pola tarde, a partires das 18h, haberá un café-concerto no Fogar do Transeúnte a cargo de Diego Peraita, cantante da Banda Connectica, quen amenizará esta xornada con algunhas cancións propias e interpretará o tema estrela deste Día Internacional titulado “El grito de mi generación” cuxos autores Dani Martín (El Canto del Loco), Marcos Cao (La Sonrisa de Julia) e Juan Suárez (El Sueño de Morfeo), cederon á ONG chamada Alianza Española Contra la Pobreza.