Os socialista spiden que se arranxen as gabias feitas na calzada de Vilela e se repoñan as tubaxes de recollida de pluviais en Ourantes.

O grupo municipal socialista de Punxín amosou a súa «preocupación» por como se desenvovlen as obras de bombeo desde o Miño que darán abastecemento a este municipio e aos de San Amaro e Cenlle.
Sendo moi necesarias, o PSOE desta localidade chama a atención sobre algúns detalles destes traballos, e por iso vén de rexistrar dúas solicitudes no Concello «para que se poidan evitar futuras consecuencias graves para a veciñanza e para que se asuman responsabilidades por parte do goberno do PP respecto da calidade das obras que se están a realizar».

En concreto, esixen que se arranxen de inmediato as gabias feitas na calzada no núcleo de Vilela para o mencionado bombeo. «Estas gabias foron feitas co obxecto de asegurar o abastecemento do depósito pero quedaron tapadas con terra e coa chegada das choivas, producíronse desniveis no terreo que impiden a circulación normal dos vehículos, situación que se pode agravar coa chegada de máis precipitacións».

Ademais, reclaman ao Goberno municipal que repoña as tubaxes de recollida de augas pluviais que foron retiradas para facilitar as obras en Ourantes e na estrada que une esta parroquia con San Amaro «e que, novamente, coa chegada do inverno, pode ocasionar graves problemas ao non estar asegurada a recollida e control das augas da choiva».

Do mesmo xeito, dirixíronse ao Seprona para alertar que a realización destas obras de bombeo está a xerar «depósitos irregulares de residuos sólidos que deberan ser tratados en plantas de tratamento de tales residuos e que estes custos de tratamento deben estar contemplados no expediente e orzamento da propia obra, máxime ao ser esta de carácter público; pola contra, os depósitos están en sitios coma Ourantes ou Vilela, incumprindo a normativa medioambiental vixente». Reclaman, pois, que se cumpra a normativa medioambiental e se proceda a retirar os depósitos de residuos e «se deixe a zona tal e como estaba antes do comezo das obras».