O prazo de presentación dos traballos, artísticos ou literarios dependendo da categoría que participen, rematará o 3 de novembro.
“Un texto que permitiu ser manancial de orgullo permanente de tódolos cidadáns a prol de todos os intereses do país; un compendio normativo que afondou na singularidade dos pobos para aglutinar un eido común de entendemento e tolerancia”; así se referiu o subdelegado do Goberno en Ourense, Roberto Castro á Carta Magna na presentación da 32ª Edición do Concurso da Constitución, que organiza á Subdelegación do Goberno de Ourense.
Castro considera de maior actualidade seguir a reflexionar sobre o valor do texto constitucional, “un texto conquerido co traballo, o esforzo e a renuncia de persoas distintas e distantes, que antepuxeron o interese xeral aos seus asuntos e criterios particulares”; por iso animou aos escolares, e a tódolos colectivos que forman parte do tecido educativo de Ourense a participaren con entusiasmo e dedicación do proceso creativo do concurso que este ano terá como lema: «Das Cortes Xerais” (Título III), Capítulo 1º “Das Cámaras”.
No Concurso están chamados a participar os estudantes de toda a provincia de niveis educativos que abranguen dende os 3 ata os 18 anos. O prazo de presentación dos traballos, artísticos ou literarios dependendo da categoría que participen, xa está aberto dende finais do mes de setembro, e rematará o vindeiro 3 de novembro.
Na presentación do certame tamén estiveron presentes o Secretario Xeral da Subdelegación e secretario do xurado avaliador, Manuel Arias e Mercedes Gallego, xefa territorial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.
Premios
Os premiados neste 32º Concurso da Constitución daranse a coñecer durante un acto institucional que terá lugar no Auditorio Municipal o día 6 de decembro para conmemorar a festividade da Constitución. Na categoría de Educación Infantil, Primaria e Especial, os 20 mellores debuxos serán premiados cun agasallo e un exemplar da Constitución, mentres que en Educación Ssecundaria Obrigatoria, Bacharelato e ciclos medios de formación profesional premiaranse un total de 20 alumnos cunha viaxe a Madrid para visitar o Congreso e o Senado e realizar, ademais, unha serie de actividades culturais e lúdicas.