A campaña durará dous meses dende o 19 de outubro ao 19 de decembro.
Este luns 19 de outubro arrincou a campaña de vacinación antigripal e antipneumocócica en Galicia. Esta campaña cuxa duración é de dous meses pretende minimizar o impacto da gripe na saúde mediante a súa prevención, tentando diminuír o número e a gravidade das complicacións derivadas de padecela.
Dende a Asociación Galega de Enfermaría Familiar e Comunitaria fan un chamamento a todas as persoas que forman parte dalgún dos grupos de risco maiores de 60 anos, residentes en institucións pechadas, fogares de anciáns, centros de crónicos, mulleres embarazadas, nenos e adultos con risco de complicacións derivadas da gripe) así como aqueles que poden ser transmisores do virus aos grupos de risco (sanitarios, forzas e corpos de seguridade do Estado, bombeiros, ou persoal de protección civil). Asemade, lembran que mediante a vacinación, as complicacións derivadas da gripe nos grupos de risco, así como o risco de hospitalización e morte redúcense.
A campaña rematará o vindeiro 19 de decembro e os interesados en vacinarse só terán que pedir cita coa súa Enfermeira de Familia no seu centro de saúde.