Desde súa posta en marcha hai cinco anos 5.022 mulleres accederon á vía rápida de consulta e tratamento de cancro de mama en toda a provincia.
Con motivo do Día Mundial de Cancro de Mama, o 19 de outubro, a Xerencia de Xestión Integrada de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras enviou unha mensaxe de alento e esperanza ás mulleres que padecen esta enfermidade cada vez mais precozmente diagnósticada e con tratamentos mais eficaces.
Desde a sanidade pública de Ourense ofrécese o apoio multisdisciplinar dun equipo altamente capacitado composto por profesionais dos servizos e unidades de Oncoloxía Médica, Oncoloxía Radioterápica, Radioloxía Mamaria, Cirurxía de Mama, Anatomía Patolóxica e Medicina Nuclear responsables.
Precisamente como resposta integradora e rápida ás necesidades asistenciais de diagnóstico e tratamento, en 2010 púxose en marcha en toda a provincia a “Vía Rápida de Cancro de Mama” circuíto asistencial que permite, ante unha sospeita deste diagnóstico, axilizar todas consultas e probas diagnósticas que sexan precisas, para poñer, canto antes, a tratamento as afectadas en caso dun diagnóstico positivo.
Grazas a este circuíto asistencial rápido -no que foron atendidas ata este mes 5.022 mulleres en Ourense- detectáronse 882 casos de cancro de mama, que recibiron tratamento, tras un completo diagnóstico, nunha media de 21 días.
Pola súa parte as pacientes con diagnóstico negativo de cancro de mama, o 80%, foron atendidas nunha media de 18 días, período no que lles realizou unha completa exploración, consulta e diagnóstico, para descartar a necesidade de tratamento e gañar en tranquilidade.
Na vía rápida coinciden tanto aquelas mulleres ás que se lles detecta algún signo de sospeita, tanto ao realizarse o control preventivo do Programa Galego de Prevención de Mama; como aquelas ás que seu médico de cabeceira ou especialista detecta algún factor de risco, signo, ou síntoma que faga recomendable unha exploración mais a fondo.
Neste momento 55 ourensás están incluidas neste circuito diagnóstico rápido por cumprir algún dos criterios de sospeita. Por iso é moi importante acudir á chamada do Programa de Detección Precoz da Consellería de Sanidade, xa que o “cribado” mediante a realización dunha mamografía de control segue a ser o método mais eficaz de detección, tendo en conta que en moitos casos non existe síntoma algún nin sinal analítica que permita súa detección.
200 novos casos por ano de media en Ourense
Este esforzo na captación de posibles casos e de diagnostico precoz, fai que se incrementen os diagnósticos, pero tamén as posibilidades de supervivencia, grazas ao incremento da detección precoz (que eleva as posibilidades de supervivencia ata niveis dun 90% dos casos), mellora dos medios diagnósticos e terapéuticos, xunto cos beneficios do abordaxe e coordinación multidisciplinar, protocolización dos procesos e o alto grao de implicación de tódolos servizos.
De feito, na actualidade os tratamentos son individualizados á medida das necesidades e características de cada paciente e, na maioría de casos, a resposta cirúrxica é conservadora. Así cando é precisa a realización dunha mastectomía, no 40% dos casos, no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense, centro de referencia para este tratamento, procédese directamente a súa reconstrución no mesmo acto cirúrxico.
[Fotografía do Concello de Ourense]