Con ela concluíu o Programa Local de Apoio ao Emprego, iniciativa do Concello de Ourense e a Cámara de Comercio.
O Centro Cultural José Ángel Valente acolleu durante toda a xornada deste martes a I Feira do Emprendedor do Concello de Ourense, coa que concluíu o Programa Local de Apoio ao Emprego (PLAE) posto en marcha coa colaboración da Cámara de Comercio e coa financiación do Fondo Social Europeo.
Nesta iniciativa inscribíronse 507 participantes, que puideron asistir a talleres, conferencias, mesas redondas e actividades grupais de coaching, e coñecer de primeira man tanto os programas de apoio ao emprendemento de distintas institucións coma as experiencias de varios emprendedores ourensáns, a través dos stands instalados na feira.
Durante a xornada tamén se entregaron os diplomas dos participantes no Curso de Márketing Empresarial que incluía o PLAE. Tres dos participantes neste curso xa crearon as súas propias pemes, estando dados de alta na Seguridade Social.
Na inauguración da I Feira do Emprendedor interviron o concelleiro de Promoción Económica, Jorge Pumar, o presidente da Cámara de Comercio de Ourense, Juan Carlos Parada, e o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez. Este último amosou a súa dupla satisfacción polo éxito de participación do evento, tanto na súa faceta como alcalde da cidade como na profesor universitario da Facultade de Empresariais e Turismo. “Un dos meus obxectivos fundamentais é que o emprego sexa un vector transversal nas políticas municipais: todo ten que confluir na creación de emprego. Porque con emprego, garantimos as máis altas cotas de benestar na nosa sociedade”, afirmou, salientando que o Concello debe poñer todos os mecanismos ao seu alcance “para que as ideas de negocio se materialicen en empresas”. De aí iniciativas como o Punto de Atención ao Emprendedor, froito da colaboración co Ministerio de Industria, citou.
Tanto Vázquez como Pumar, fixeron un agradecemento expreso á anterior corporación, que conseguiu os fondos para o Programa Local de Apoio ao Emprego.
Clausura a cargo do conselleiro de Economía
Xa durante a clausura, que correu a cargo do conselleiro de Economía e Industria, o alcalde anunciou que a Feira do Emprendedor terá continuidade no futuro para “fixar a Ourense como capital do emprendemento”, tal e como expresara na inauguración o concelleiro de Promoción Económica. Tamén avanzou a posta en marcha da Aula Municipal do Emprendemento “Ourense Activa”.
Pola súa banda, o conselleiro, Francisco Conde, destacou que a provincia está a liderar nestes momentos a creación de empresas na Comunidade ao sumar case 330 novas compañías de xaneiro a setembro.