O alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, e a delegada da Xunta de Galicia na provincia, Marisol Díaz Mouteira, visitaron os traballos que se están desenvolvendo no Muíño da Veiga.
Os traballos, que se prolongarán durante seis meses, consisten na renovación, mellora, reparación e adecuación dos aseos e vestiarios das termas, do enlousado nas termas, dos accesos para persoas con mobilidade reducida e a reconstrucción de taludes, así como a rehabilitación da marxe da ribeira do Miño e na renovación do Xardín dos Pés Descalzos.
Cun orzamento de 204.880 euros, este Obradoiro de Emprego permitirá a posta a punto da área termal de Ourense, ao tempo que dá formación nos módulos de xardinería, albalenería e carpinteria dos que consta esta iniciativa a 23 alumnos, persoas desempregadas inscritas nas oficinas de emprego da capital. Deste programa mixto de formación e emprego tamén se benefician outras 6 persoas do concello ourensán que forman parte do persoal directivo, docente e de apoio administrativo. O alumnado compaxina unha formación teórico-práctica de xardinería, albanelería e xardinería co desenvolvemento dun traballo remunerado.
Os alumnos realizarán traballos de recuperación de infraestruturas e zonas verde relacionadas coa xardinería, albanelería e carpintería, os tres módulos impartidos neste obradoiro de emprego. A zona de actuación escollida foi a ruta termal do río Miño e así, a través deste programa, o Concello executará melloras nas distintas zonas termais emprazadas ao longo do Miño ao seu paso pola capital ourensá: A Chavasqueira, o Muíño das Veigas, Outariz, e o tramo do Tinteiro e o paseo vermello.
“Un exemplo máis, o que hoxe estamos vendo, da importancia da colaboración e cooperación institucional. Neste caso da Xunta de Galicia, que estimou a necesidade plantexada polo Concello de Ourense e dispuxo dunha iniciativa formativa que está a dar emprego e formación a 29 persoas e está a dar maior resplandor a unha das zonas máis fermosas da nosa cidade. Non podemos esquecer que o termalismo é a nosa gran seña de identidade, e todas as administracións, co Concello á cabeza, deben aunar esforzos en convertelo na gran oportunidade de futuro da nosa cidade”, recalcou o alcalde durante a visita.
A delegada territorial, pola súa banda, subliñou as vantaxes que ofrecen estes programas mixtos de emprego e indicou que “favorecen o acceso a un posto de traballo, ao tempo que ofrecen unha formación teórico e práctica de calidade, certificada e adecuada ao mercado laboral, e por último, permiten a realización de obras ou servizos de interese para a comunidade».
Colaboración institucional
Anteriormente á visita do obradoiro, a delegada da Xunta e o alcalde ourensán mantiveron o seu primeiro encontro institucional no que afondaron nas necesidades do concello. Ambos representantes amosaron a súa vontade de seguir traballando para poder rematar os proxectos que xa están en execución na cidade e tamén asumir novos compromisos, sempre desde o diálogo e a cooperación entre Administracións.
Esta xuntanza forma parte da rolda de encontros que Díaz Mouteira vai manter durante estas semanas cos 92 alcaldes ourensáns para coñecer de primeira man as prioridades de actuación da Administración autonómica nos concellos da provincia.