Festival Rebulir

O 10º FIR, Festival Internacional Rebulir, terá lugar en Ramirás en decembro.

 

A Asociación Cultural Rebulir, coa colaboración do Concello de Ramirás e da Deputación de Ourense, e grazas ao patrocinio da Secretaría Xeral de Cultura da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia, a Televisión de Galicia e Seat Celanova Motor, está ultimando os preparativos do que será a décima edición do FIR (Festival Internacional Rebulir), que terá lugar entre os días 18 e 20 de decembro de 2015.

Este evento, co seu epicentro en Ramirás, pero con actividades paralelas en Celanova e Ourense, volverá traer nestas datas previas ao Nadal diferentes colectivos que mostrarán o mellor das súa cultura utilizando o baile e música, e tamén, como en pasadas edicións, mediante a gastronomía e a imaxe. Sendo o décimo aniversario, a organización tentará que os mellores colectivos (galegos, estatais e internacionais) que nesta década pasaron polo festival volvan deleitar os espectadores, ao igual que o fixeron no seu día.

Desde a organización adiántase que para este 2015 o premio Rebulir foille concedido ao acordeonista vasco Kepa Junkera e á cantante María do Ceo pola súa difusión da nosa cultura tradicional alén das nosas fronteiras e co valor engadido de non ser galegos de berce (aínda que si de adopción no caso da fadista). Deste xeito, ambos os artistas convértense en padriños do FIR 2015 e farán tamén unha breve intervención coas súas músicas durante a Gala Central do festival o sábado 19 no Polideportivo do Picouto.

Outra das grandes novidades desta edición será a implicación dos nenos e nenas da escola Rogelio García Yáñez, quen nas xornadas previas ao Festival terán obradoiros e actividades arredor deste evento para crear un ambiente de aprendizaxe vinculado ao coñecemento das diferentes culturas que chegan a visitalos días despois.

Esta será unha edición con moitas máis actividades, e onde se tentará volver sorprender o público que participe das diferentes citas programadas, con especial fincapé na Gala central do FIR o sábado 19 no Polideportivo do Picouto, que virá cargada de momentos que ben seguro ficarán na memoria dos presentes.

A web www.festivalrebulir.com e as redes sociais facebook e twitter servirán como soporte para que nestes dous meses restantes á celebración do festival se poidan coñecer todas as particularidades desta cita ineludible do almanaque festivo da comarca celanovesa.