Marisol Díaz e Susana López Abella

A nova convocatoria engloba os programas de fomento da conciliación familiar, prevención e tratamento da violencia de xénero e apoio aos CIM.

A secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella e a delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, mantiveron este xoves unha xuntanza coas persoas responsables e persoal técnico dos 92 concellos da provincia para informarlos da nova convocatoria de axudas e subvencións aos concellos para a promoción da igualdade. O Goberno galego destinará a este programa un importe de 4,6 millóns de euros, o que supón un incremento do 35 % respecto ao ano 2014.

Coa resolución desta axuda, a Secretaría Xeral da Igualdade pretende por en valor o papel relevante das entidades locais na difusión do valor da igualdade, “por ser as administracións máis próximas á cidadanía e máis coñecedoras da situación específica dos seus veciños e veciñas” afirmou López Abella.

En concreto, en 2014 na provincia de Ourense foron 42 concellos beneficiados por estas axudas por un importe de máis de 580.000 euros. Das tres liñas de actuación establecidas, a relativa ao apoio aos centros de información ás mulleres (CIMs) foi a de maior dotación, cunha contía que ascendeu a 440.761euros que se distribuíu nos 13 centros da provincia.

Xestión compartida
Ao igual que en anos anteriores, e coa finalidade de lograr unha xestión eficaz e eficiente dos recursos dispoñibles, impulsaranse os proxectos de xestión compartida, polo que as solicitudes presentadas conxuntamente por máis dun concello recibirán ata 40 puntos por este feito. Os concellos que se agrupen ou asocien deberán presentar un convenio de colaboración relativo a esta agrupación ou asociación. Na pasada convocatoria, rexistráronse nove proxectos de xestión compartida na provincia de Ourense que agruparon a un total de 24 concellos. O incremento das solicitudes conxuntas contabilizouse sobre todo no programa de apoio aos CIMs.

Esta nova convocatoria engloba os tres mesmos programas de colaboración coas entidades locais que os contemplados na anterior: Programa de fomento da conciliación da vida persoal, laboral e familiar; Programa de prevención e tratamento integral da violencia de xénero; e Programa de apoio aos centros de información ás mulleres (CIM).

A presentación das solicitudes realizarase unicamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. O prazo de presentación remata o vindeiro 9 de novembro.