A Xunta leva xa entregados máis de 50 coches aos corpos de policía local das catro provincias.
O director de Emerxencias e Interior, Luis Menor, acompañado da delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, fixo entrega dun novo coche ao corpo da Policia Local de Ribadavia, onde destacou a importancia da colaboración entre Xunta e concellos para mellorar a seguridade e a xestión das emerxencias en Galicia.
Os novos vehículos entréganse ao abeiro dunha orde de axudas en concorrencia competitiva dotada con máis de un millón de euros que lles vai permitir contar aos concellos galegos con case 50 coches e máis de 25 motocicletas para as súas policías locais.
Luis Menor destacou a importancia da colaboración e da cooperación entre Administracións, especialmente cando se trata de ofrecer un mellor servizo aos cidadáns en materias tan sensibles como as emerxencias ou a seguridade cidadá. Outros exemplos desta frutífera colaboración son os parques de bombeiros comarcais, os voluntarios de Protección Civil ou os Grupos de Emerxencias Municipais, GES. O director xeral previamente visitou a sede dos Grupos de Emerxencias Supramunicipais e a sede dos Voluntarios de Protección Civil.
Estes novos vehículos permitirán aumentar os medios técnicos e de mobilidade dos corpos de policía local e polo tanto prestar un mellor e máis rápido servizo aos cidadáns. Grazas a esta actuación, a Xunta facilítalles aos concellos unha oportunidade para cambiar vehículos antigos e cun alto custe de mantemento por outros novos, dotados de mellores sistemas de seguridade e que farán que o traballo diario destes axentes sexa máis eficiente.