O protocolo de colaboración asinadao ten como finalidade levar a cabo iniciativas internacionais sobre transparencia e prácticas de bo goberno.
A Deputación de Ourense impulsa unha innovadora alianza territorial coa rexión metropolitana de Curitiba para levar a cabo iniciativas internacionais sobre transparencia e prácticas de bo goberno, unha iniciativa que ten como obxectivo cooperar no desenvolvemento de programas e proxectos enmarcados no ámbito da participación cidadá e goberno aberto. O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, asinou hoxe co coordinador da rexión metropolitana de Curitiba, Carlos do Rego Almeida, o primeiro acordo de colaboración nesta materia.
O acordo xurde como consecuencia dos encontros que Manuel Baltar mantivo estes días con representantes dos goberno de Brasil e de Paraná e das autoridades locais de Curitiba. Neste senso, a Rexión Metropolitana de Curitiba plantexou a posibilidade de asinar un protocolo de colaboración dado o interese amosado por esta institución polas innovacións postas en marcha na Deputación de Ourense nos últimos tempos, en concreto, as que se refiren a transparencia, participación cidadá, planificación e plans de mandato e as xestións e o traballo realizado polo goberno provincial de Ourense para aprobar con tanta antelación –no mes de setembro- os orzamentos referidos ao exercicio do ano seguinte.
A este conxunto de boas prácticas de xestión que desenvolve a Deputación de Ourense únese tamén o destacado interese por parte das autoridades da rexión metropolitana de Curitiba -formada por 29 municipios, agrupados en cinco micro-rexións, e que conta con 3,5 millóns de habitantes- pola “Carta de Servizos” da Deputación de Ourense, a guía máis completa dun goberno provincial en España, que pon a disposición de cidadáns e concellos a oferta de servizos públicos do ente provincial ourensán, e que ten como obxectivo responder ás necesidades dos cidadáns e dos concellos con eficacia, rapidez e innovación ofrecendo 40 servizos para os concellos e 55 para os cidadáns.