Destaca que puxo en marcha “45 actuacións innovadoras”.
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, fixo balance dos 104 primeiros días de goberno provincial do mandato 2015-2019, destacando que neste tempo, cando leva transcorrido o 6 % do tempo da lexislatura, puxéronse en marcha 45 actuacións innovadoras, 9 delas incluídas no Plan Ourense 15-19, o que supón o 12 % das medidas incluídas no dito plan.
Baltar, quen compareceu acompañado polo Deputado provincial de Cooperación, Pablo Pérez, remarcou como folla de ruta a filosofía continuista do Plan OU92 e as novas estratexias que abrangue o Plan Ourense 15-19, baseadas na transparencia, a innovación, a xestión económica, o “goberno verde” e a interacción coa cidadanía, “sempre afondando nas singularidades que ofrece a nosa provincia, o que temos que potenciar para acadar maior desenvolvemento social e xerar máis emprego e benestar», explicou.
No que atinxe a “Xestión e innovación institucional”, o presidente do goberno provincial destacou que neste tempo levouse a cabo a aprobación dos orzamentos de 2016 no mes de setembro, un feito que non se produciu en ningunha outra administración, así como a posta en marcha do Consorcio Provincial de Incendios, a creación da Área de Transparencia e Goberno Aberto, a edición do Manual do Deputado e Deputada, e a primeira acción formativa para cargos públicos locais electos. Tamén destacou os plans de apoio á Natalidade, a Actividades da Mocidade e á Empregabilidade Local, e tamén se levou a cabo a reorganización das Comisións no que atinxe á denominación e funcionamento.
Identidade, coñecemento e deporte
No apartado de “Identidade, Coñecemento e Deporte”, Manuel Baltar destacou o programa “Cinema de Verán”; o incremento de colaboración co Festival de Cine de Ourense e o proxecto musical de “Termalismo solidario”, entre outros.
Asemade, destacou a sinatura entre a Deputación e a Facultade de Medicina da Universidade de Santiago dun convenio de colaboración para que os alumnos poidan realizar prácticas no CHUO.
E no ámbito deportivo, fixo fincapé na estadía da selección australiana de remo no centro de adestramento de remo de Laias e a saída da “Vuelta a España 2016” dende Ourense..
Relacións institucionais e economía
Con respecto ás relacións institucionais, Baltar subliñou tamén as reunións que mantivo co presidente da Xunta de Galicia e co Goberno de España, referida esta ao comité de integración do AVE na provincia e na capital de Ourense, e destacou o incremento do Plan de Cooperación Municipal, avanzando que a finais desta lexislatura o que cada concello recibe por este concepto ascenderá a 60.000 euros.
No apartado económico, a Deputación impulsou numerosos proxectos nos ámbitos da innovación tecnolóxica, a promoción do turismo e a competitividade empresarial. Así, o presidente provincial destacou iniciativas como a do “Cluster do Viño”, “O museo do Viño”, a distinción da Veiga como destino Starlight e as xestións que se seguen a realizar para acadar a designación da Ribeira Sacra como Patrimonio Mundial da Unesco.
Por último, Baltar lembrou a importancia do posicionamento internacional do goberno provincial, mediante a súa intervención en foros como o South Summit, ou no Seminario internacional de boas prácticas na gobernanza celebrado en Curitiba (Brasil; e tamén a través da súa incorporación á Xunta de Goberno da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) e ao Consello político de Partenalia, o organismo que engloba a gobernos locais intermedios de Europa.