Para este Nadal xa teñen previstas novas accións solidarias, como torneos deportivos e recollida de alimentos, roupa e xoguetes.

 

As Novas Xeracións do PP de Xinzo de Limia recolleron 15.000 quilos de tapóns de plástico que terán como destino o financiamento dunha cadeira de rodas para un mozo limián. O presidente local de Novas Xeracións, José Antonio Parente, amosou a súa satisfacción polo resultado desta campaña, que principiaron no pasado mes de xuño e na que se involucraron dende un primeiro momento hostaleiros e veciños.

Neste sentido, Parente quixo agradecer publicamente a colaboración amosada nesta campaña, apoio que tamén están a recibir nas distintas iniciativas solidarias postas en marcha por Novas Xeracións e que permitiron reunir preto de 5.000 quilos de produtos, entre alimentos, roupa e xoguetes, ademais de 1.500 libros e enciclopedias para a ONG Aldeas Infantiles.

Para este Nadal, adiantou Parente, xa está prevista a organización de novas actividades de carácter solidario, como o terceiro torneo de fútbol sala e a campaña de recollida de alimentos, roupa e xoguetes.