Manuel Baltar

A oposición reclama explicacións e pide a súa dimisión, mentres que o presidente da Deputación anuncia que emprenderá “accións legais” contra a denunciante.

 

A denuncia dunha muller contra Manuel Baltar por ofrecerlle traballo a cambio de sexo está a sacudir Ourense. Segundo informou a publicación dixital eldiario.es, que tivo acceso ao escrito de denuncia presentado na Fiscalía o pasado 13 de outubro, os feitos remóntanse ao ano 2010, cando supostamente o presidente da Deputación de Ourense e a denunciante mantiveron relacións nunha suite do hotel Francisco II. A información recolle supostos sms enviados por Baltar á muller así como gravacións de conversas entre ambos -realizadas por ela- nas que esta lle pide explicacións por incumplir a súa palabra. No escrito á Fiscalía a autora da denuncia indica que se sentía “humillada” polo que consideraba foi “un abuso da miña situación de necesidade para aproveitarse sexualmente de min, con promesas de darme traballo na deputación ou incluso noutro lugar”.

O presidente da Deputación, que se atopaba fóra de Ourense cando saltou a noticia, anunciou no seu Twitter que emprenderá “todas as accións xudiciais precisas” contra a denunciante. Logo, en declaracións a Europa Press en Madrid, declarou que “é unha cuestión absolutamente desagradable, absolutamente incerta”.

Unha cascada de reaccións

Unha vez coñecida a noticia, as reaccións da oposición non tardaron en chegar. O primeiro en facelo foi o grupo provincial do PSOE, que pediu unha xunta de voceiros para tratar este tema, solicitude que o Goberno provincial denegou por considerar que se trata dunha cuestión “que non forma parte das funcións de dito órgano”. Os socialistas non descartan convocar un pleno extraordinario para tratar o tema no seo da institución.

Desde o BNG, o deputado provincial Ramiro Rodríguez, pídelle a Baltar que presente “probas concluíntes” contra a acusación ou “a súa dimisión”; mesma petición de dimisión que fan desde o outro partido con representación no ente provincial, Democracia Ourensana. “Escoitando as gravacións, vértense expresións que (…) son absolutamente reprochables”, afirma DO.

Asemade, Son de Pereiro reclama a constitución do comité de ética da Deputación; Compromiso por Galicia pídelle a Baltar “máis explicacións ca un tuit”; Podemos Ourense quere tamén a súa comparecencia nun pleno extraordinario; Esquerda Unida pide “a súa inmediata dimisión” e Ourense en Común esixe ao PP de Galicia “contundencia e depuración de responsabilidades políticas”

Desde o propio PP tamén se opinou sobre este asunto. O presidente da Xunta Alberto Nñuñez Feijoo afirmou: “imos ver o que a Xustiza nos concreta. Estaremos atentos ao desenvolvemento dunha denuncia e dunha contradenuncia”. O voceiro do PP no Congreso, Rafael Hernando, foi máis duro; declarou que se a acusación é verdade, parécelle “repugnante”, polo que cre que Baltar debe “contrastar a noticia e dar a súa versión”.