Ao rexeitar o PP abordar na sesión deste xoves unha moción de urxencia no mesmo sentido.
A oposición en bloque abandonou este xoves o pleno da Deputación de Ourense, ao rexeitar o PP admitir unha moción de urxencia para reprobar a Manuel Baltar. O presidente da Deputación insistiu que as acusacións contra el son de índole persoal e non teñen nada que ver coa institución.
O pleno continuou co debate dos puntos da orde do día sen a presenza da oposición. Ao remate, os populares amosaron “o seu total rexeitamento á incomprensible e irresponsable actitude” de PSOE, DO e BNG. A súa ausencia supón, a xuízo do PP, “un desprezo absoluto e unha burla aos cidadáns da provincia” e responde a unha “rexeitable estratexia dirixida a desprestixiar ao seu presidente, á propia institución e o partido de goberno”.
Solicitude de pleno extraordinario
Mentres tanto, no exterior da sala os voceiros dos tres grupos de oposición presentaban no rexistro unha solicitude de pleno extraordinario urxente. Na súa proposta de acordo, PSOE, DO e BNG queren que o pleno da Deputación reprobe a conduta do seu presidente e demande a súa dimisión.
Na exposición de motivos, a oposición apunta que “respetamos o dereito á presunción de inocencia do señor Baltar Blanco, o que non impide dende unha primeira valoración, trala escoita das gravacións publicadas polo eldiario.es, que da mesma se infiran certos indicios da posible existencia de presuntos delitos de prevaricación e tráfico de influencias e, esto, xa sen entrar a valorar os que se puideran derivar do seu abuso de posición fronte á denunciante co obxectivo de obter favores sexuais”.
Engaden que nestas gravacións nas que “resulta inconfundible a voz do señor Baltar Blanco” vértense expresións “que, máis aló da posible calificación delictiva de certos comportamentos, son absolutamente reprobables e demostra coma a familia Baltar dirixiu esta provincia durante anos”.