Feira do Outono de Allariz

Os días 7 e 8 de novembro terá lugar a 20ª edición da Feira do Outono.

Allariz acolle, na fin de semana do 7 e 8 de novembro, unha nova edición da Feira de Outono, que neste 2015 cumpre dúas décadas. Trátase dun evento gastronómico consolidado que inclúe venda e exposición de produtos de tempada, exposición micolóxica e actividades formativas e lúdicas para nenos e adultos. Desta volta estréase a proposta «Allariz sabe a Outono», que consiste en clases de cociña a cargo de recoñecidos cociñeiros e blogueiros nas que se elaborarán pratos baseados en produtos desta tempada.

Ademais a hostalería de Allariz súmase, como é habitual, a esta celebración e ofrece, durante a fin de semana, tapas e menús especiais de outono.

Programa

Os stands de exposición e venda da Feira do Outono ubicaranse no pavillón do instituto alaricano, que abrirá de 10:30 a 20 horas as dúas xornadas. O sábado 7 comezará cunha saída ao monte para recoller cogumelos, seguido dunha sesión de cociña a cargo do divulgador micolóxico Alejandro Mínguez. Pola tarde haberá un obradoiro de cociña para pequenos por parte da Fundación González Ferreiro, e outro a cargo de Alex González, do restaurante A Horta de Allariz.

O domingo celebrarase o V Concurso para afeccionados “Tapa Fría de Outono” que premiará con cen euros a mellor tapa; e dúas sesións de cociña, á mañá co blogueiro Alfonso López, de Recetasderechupete, e á tarde con Rubén Amorín, de Ni mata ni engorda. Os menores terán, en horario de tarde, un obradoiro de reciclaxe.

Ao remate dos dous días sortearase entre os compradores da feira cestas con produtos de outono.

Na Praza de Abastos haberá as dúas xornadas exposición micolóxica (en horario de 11 a 14 horas e de 17 a 20 horas), e dúas charlas-coloquio impartidas por José Gómez Bragaña sobre «Unha aproximación ao coñecemento dos cogomelos nos nosos ecosistemas».

De maneira complementaria haberá un obradoiro de fotografía no Fogar dos Maiores e unha exposición sobre oficios e tradicións de Galicia na Fundación Vicente Risco.