A actuación está prevista realizala ata mediados do mes de novembro, sempre que as condicións climatolóxicas o permitan.

 

A Consellería de Infraestruturas e Vivenda, a través da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), executa as obras de adecuación das beirarrúas da estrada OU-150, ao seu paso por Cudeiro. A actuación está prevista realizala ata mediados do mes de novembro, sempre que as condicións climatolóxicas o permitan.

A Xunta vén de comezar unha actuación na estrada OU-150 cos medios da “Vialidade invernal e conservación ordinaria en Ourense” que pretende garantir unha circulación segura e cómoda tanto dos vehículos como dos peóns. Esta estrada ten unha lonxitude de 5,6 Km, entre Valdorregueiro (Concello de Ourense) e Gustei (Concello de Coles) e ten un intensidade de 2.424 vehículos diarios.

A actuación levarase a cabo aproximadamente entre os puntos quilométricos 1+440 e 1+640 desta estrada, no concello de Ourense. Este treito conta na actualidade cunha beirarrúa e cun pavimento asfáltico que presenta deformacións superficiais e irregularidades motivadas polas raíces das árbores que están na zona de aparcamento e pola insuficiente drenaxe superficial.

Os traballos previstos, principalmente na marxe dereita, consistirán na retirada das árbores que invaden a calzada, a reparación do aparcamento, a reparación do carril afectado e a reposición da beirarrúa dese treito. Completase coa mellora da cuneta da marxe esquerda para garantir a correcta evacuación da auga e ampliar a seguridade desa marxe.