Ourense estará representada por catro conxuntos do Club Ximnasia Pavillón no Campionato de España que se celebrará en Zaragoza do 18 ao 22 do mes de novembro. O equipo acudirá á capital aragonesa cos conxuntos prebenxamín, benxamín, alevín e cadete.

A súa clasificación foi posible grazas á excelente actuación que realizaron no Campionato Galego de conxuntos de base. O torneo autonómico tivo lugar o 17 de outubro nos Remedios.

Competición
As primeiras en saír a escena foron as prebenxamíns (Mariña, Claudia, Candela, Noa, laura, Paula e María, todas de primeiro ano da categoría) realizando un gran primeiro exercicio e algún que outro erro no segundo, o que lles  valeu para ser segundas.

Tras elas, as benxamíns (Iria Cudeiro, Vera, Sara, Iria Lorenzo, Uxía e Carmen) realizaron dous pases regulares; a maioría delas estreábase en competición, e fixérono coa segunda praza no podio.
As alevíns (Antía, Noa, Sara, Daniela, Laura e Candela), todas elas de primeiro ano, fixeron un gran torneo, o que as levou ao terceiro caixón do podio.
E finalmente as cadetes (Marta, Ainoa, Janira, Lucía, Lidia e Ilmira) realizaron os seus exercicios con moita elegancia.

Xornada de tarde
Na xornada de tarde tivo lugar a primeira fase do Campionato galego de conxuntos e do Campionato galego de rítmica masculino.

A fase primeira do campionato federado vai supoñer un 30% da nota final. Nela amosouse o excelente estado no que se atopa a ximnasia galega en todas as categorías. Finalizou con dous excelentes exercicios sénior do Club Esquío e do Club Ximnasia Pavillón, que cun corte totalmente diferente fixeron vibrar á grada.

En canto ao Campionato galego individual masculino houbo unha moi baixa participación: un alevín, Miguel Fernández Couto do Club XR. Compostela e dous sénior: Diego Yáñez García do Club Bayo-Sil e Rodrigo Vázquez Pardal do Club Ximnasia Arousa, proclamándose primeiro Rodrigo.