O grupo popular non acudiu ao pleno extraordinario no que PSOE, DO e BNG solicitaban a dimisión do presidente provincial.
Por primeira vez na historia da Deputación de Ourense celebrouse un pleno coa ausencia do grupo de goberno, e por primeira vez tamén, o presidente provincial foi reprobado. Este martes ás 10 da mañá estaba convocada unha sesión plenaria extraordinaria a petición de Partido Socialista, Democracia Ourensana e Bloque Nacionalista Galego, para que Manuel Baltar dese explicacións a raíz da denuncia presentada na Fiscalía por unha muller que o acusa de ofrecerlle traballo a cambio de manter con el relacións sexuais.
Xustificacións dos populares
Pero ás 10 da mañá só compareceron no salón de plenos da Deputación os deputados da oposición, xustificando a súa ausencia os 14 deputados populares –entre eles o propio presidente da institución- a través dun escrito ao secretario. Nel comunicaban que “non participaremos no espectáculo lamentable en que queren converter o pleno desta institución os grupos minoritarios debatendo sobre unha cuestión persoal que afecta de modo grave á honorabilidade do presidente e que nada ten que ver coas funcións deste plenario”. Os populares non aforraron cualificativos para definir o comportamento da oposición: “miserable, ruín e rastreira pantomima política”, “aqueles que se dan en chamar dignos representantes dos electores rebózanse nas súas miserias para tentar gañar un puñado de votos”, “semellante grao de maldade e perversión no desempeño do labor político”.
Argumentos da oposición
Con todo, ao haber quórum, asumiu a presidencia o deputado de maior idade (o socialista Vicente Gómez) e a sesión celebrouse, iso si, só coas intervencións dos grupos da oposición.
O nacionalista Ramiro Rodríguez apuntou a que non se trata dun tema persoal, senón que “entra de cheo no ámbito da esfera pública” polo que aos deputados compételles determinar “se hai responsabilidade política na forma de proceder” de Baltar, a xulgar polas gravacións publicadas. Tamén engadiu que hai máis responsables “por omisión” neste asunto: os deputados do PP, a secretaria Xeral de Igualdade da Xunta e o propio presidente Feijoo.
Gonzalo Pérez Jácome, de DO, tachou ao presidente provincial de “psicópata de corbata: no tiene empatía y le importa un bledo hacer cualquier cosa para conseguir sus objetivos”, e aos deputados populares de “covardes”.
E o socialista Ignacio Gómez afirmou a que se Baltar “nos houbera contestado que el non era o desas gravacións” non terían chegado a este punto. “Non é un tema de carácter estrictamente persoal, é un tema da suficiente importancia para que se dean explicacións”, insistiu ao remate da sesión.
Tras expoñer os seus argumentos, os deputados da oposición votaron e quedou aprobado o acordo que di que “o pleno da Deputación reproba a conduta de Manuel Baltar e demanda a súa dimisión como presidente da Deputación”. O aprobado non ten maiores consecuencias pois, como explicaba o secretario, reprobar “é una acto declarativo que carece de efectos xurídicos” e a solicitude de dimisión queda formulada “e o presidente podería atendela ou non”.
Outras iniciativas
A petición de explicacións sobre a denuncia contra Baltar por parte da oposición non quedará aquí. “No se va a escapar de poner la cara delante de los ciudadanos”, apuntaba Gonzalo Jácome. O PSOE xa anunciou que volverá levar este asunto ao próximo pleno a través dunha moción de urxencia.
Socialistas e nacionalistas tamén solicitarán a convocatoria do comité ético da Deputación. “Estiven vendo os artigos do código ético desta institución e penso que os incumple absolutamente todos”, afirmou Ramiro Rodríguez.
A esta solicitude xa respostou o presidente provincial, Manuel Baltar, afirmando nun comunicado que el “non forma parte do Comité de Ética nin ten capacidade para convocalo”. Baltar remitiu ao Código Ético, que no seu título IV fai referencia que o Comité é “un órgano independente que velará polo cumprimento do Código Ético e de Conduta dos cargos electos e do persoal ao servizo da Administración provincial”. Foi constituído en xullo de 2014 e “deberá pronunciarse, sobre calquera conduta ou comportamento que sexa denunciado e que supoña un claro incumprimento ou violación do Código Ético da institución” así como atender “as posibles denuncias que se formulen consonte coa existencia da citada norma e o seu posible incumprimento”.