Nas oficinas do INEM da nosa provincia hai 24.233 parados rexistrados.

O paro subiu en Ourense en 727 persoas no mes de outubro, situándose en 24.233 o número de parados rexistrados nas oficinas de emprego da nosa provincia, un 3,09 % máis que o mes anterior. Ourense foi a segunda provincia galega na que máis se incrementou o desemprego, por detrás de Pontevedra.

Valoracións
Uns datos “demoledores” para a secretaria xeral da Unión Intercomarcal de CCOO de Ourense, Ana Barrios, que recorda que desde o seu sindicato xa viñan sinalando que “o aumento de desempregados segue desbocado nesta provincia” e aboca a Ourense “á precariedade, pobreza e indixencia estruturais, agás que os gobernos autonómico e central muden o rumbo das políticas”.

Barrios tamén sinala que a contratación “segue sendo eventual e precaria”, formalizándose 2.414 contratos por obra ou servizo e 1.972 por circunstancias da produción fronte a tan só 544 indefinidos. “Pérdese emprego nesta provincia e o que hai, é cada vez de peores condicións”, afirma a sindicalista.

Para CCOO a saída definitiva da crise pasa por “poñer fin as políticas de austeridade, recuperar o poder adquisitivo dos salarios e das pensións e o fomento da creación de emprego de calidade”.

Nunha liña semellante, o secretario da CIG en Ourense, Etelvino Blanco, valora a situación de desemprego como moi grave “xa que aínda o paro é moito máis elevado no caso de que se contabilizasen os milleiros de ourensáns que tiveron que abandonar a provincia en busca dun futuro laboral na emigración”.

Blanco tamén pon de relevo que descende o número de persoas con dereito a algún tipo de prestación; agora son 4.318 parados os que perciben a Prestación de Desemprego e 5.922 o Subsidio, 1.356 a Renda Activa de Inserción e 112 o Programa de Activación do Emprego. Asemade é “moi preocupante” para o sindicalista a baixada na afiliación mensual á Seguridade Social, con 1.253 afiliados menos.

O secretario provincial da CIG Ourense considera que estes datos son “os resultados da política económica e laboral do goberno do Partido Popular que non só non favorece a creación de emprego, senón que ademais está a provocar o empobrecemento masivo da clase traballadora e unha perda de dereitos laborais sen precedentes”.