O colectivo feminista pide que remate a” campaña de revictimización da denunciante” e solicita a dimisión do presidente da Deputación.

A coordinadora local da Marcha Mundial das Mulleres (MMM) pediu este mércores unha «investigación profunda» sobre a denuncia contra o presidente da Deputación de Ourense por supostamente ofrecer postos de traballo a cambio de relacións sexuais.

Para a MMM “o solo feito de que sexan mencionados amaños nos procesos de selección de persoal da Deputación de Ourense nas gravacións realizadas pola denunciante son suficiente motivo para que o Partido Popular asuma a responsabilidade política de retirar do seu cargo a José Manuel Baltar”. Como ademais, subliñan desde o colectivo feminista, ofrecer un emprego a cambio de favores sexuais está tipificado na lei como acoso sexual “un representante público acusado disto non pode permanecer nen un día máis á fronte da institución”.

Por estes motivos reclaman a dimisión de Baltar ou o seu cese por parte do PP. “Se non o fan serán tamén responsábeis de contribuír a normalizar a violencia e o acoso sexual como xa fixo o presidente galego Feijóo ao decir que o feito de non conseguir a denunciante o emprego significaba que non existía delito. Por se o presidente non o sabe delito é ofrecer as prebendas a cambio de relacións sexuais sexan estas finalmente concedidas ou non”.

As feministas tamén rexeitan a campaña de “revictimización” da denunciante e colócanse “a disposición do que ela precise cando o precise”. Ademais, solicitan ao fiscal “que evite realizar consideracións á marxe do tratamento xudicial do caso” e inicie a investigación. A Marcha Mundial das Mulleres valora asemade a posibilidade de comparecer como acusación particular contra José Manuel Baltar.

Pregunta a Feijoo no Parlamento

As parlamentarias Carme Adán do BNG e Carmen Iglesias do grupo mixto pedirán explicacións este xoves ao presidente galego Alberto Núñez Feijóo sobre a denuncia contra Baltar en sesión parlamentaria.

O PSOE solicita a reunión do Comité de Ética da Deputación mentres o PP critica a súa “incoherencia”

Logo de que este martes Manuel Baltar comunicara ao grupo socialista que el non tiña postestade para convocar o Comité de Ética da Deputación, ao ser un órgano independente, os socialistas veñen de dirixirse directamente ao comité “para que se convoque o mesmo e se debata no seu seo, se o comportamento de Baltar, está en consoancia co seu propio código”.

Os deputados socialistas esixen que este organismo informe nun dictame “se a conduta do presidente da Deputación se corresponde coa exemplaridade agardada e esixida dun representante público, ademais de que compromete á propia institución ao haber serias dúbidas respecto da súa política de contratación”.

Como xa expresou o noso Voceiro, Ignacio Gómez, no Pleno Extraordinario, non desistiremos no noso empeño de que se aclaren os feitos que comportarían graves delitos, de seren certas as acusacións; ademais de teren consecuencias políticas derivadas da responsabilidade esixible a calquera gobernante”, indican nun comunicado.

Esta petición de reunión do Comité de Ética é vista como unha “incoherencia” por parte do Partido Popular que recorda noutro comunicado que o PSOE rexeitou no seu día aprobar o Código Ético do ente provincial. Para o deputado Pablo Pérez as “continuas contradicións” dos socialistas “poñen ao descuberto a verdadeira ética electoralista do grupo da oposición, que non é outra que tentar obter o maior rédito electoral das súas accións na Deputación”.