Os socialistas denuncian o feito de que o presidente do Comité valore os feitos nos medios de comunicación.
O grupo provincial socialista procederá a recusar ao secretario do Comité de Ética da Deputación, o funcionario Juan José Cerdeira Lois, pois consideran que “é de sobras coñecida a súa vencellación co Partido Popular e en concreto co goberno desta Deputación. Non se pode ser xuíz e parte nun proceso destas características”. De todos os xeitos, Cerdeira Lois terá voz pero non voto nese comité, pois o propio Código Ético da institución recolle que como secretario “con voz pero sen voto, actuará un funcionario da Deputación Provincial de Ourense elixido por sorteo de entre os pertencentes ao corpo superior da Administración provincial”.
Os socialistas tamén criticaron este xoves que o presidente do Comité, o avogado Miguel A. González Trigás, opinara nun medio de comunicación sobre a petición de convocatoria deste ente, “feito que consideramos moi inconvinte posto que as valoracións sobre o comportamento do presidente, Baltar Blanco, débense facer no seo do propio Comité”.
Ademais, o grupo provincial socialista lémbralle aos membros do Comité de Ética “que a posibilidade de que haxa unha investigación por denuncia xudicial non os exime de facer a súa valoración no ámbito da ética”.
Esta será a primeira vez que o Comité de Ética da Deputación fóra das convocatorias oficiais –dúas ao ano-. “Se o Comité non está deseñado para valorar a adecuación ao código ético dos representantes públicos desta Deputación Provincial, entón non entendemos para que serve”, opinaron desde o PSOE.
O debate sobre a denuncia a Baltar, no Parlamento
Este xoves o debate sobre a denuncia contra Manuel Baltar trasladouse ao Parlamento galego, onde o presidente da institución provincial daba conta dos orzamentos para 2016. Alí a deputada nacionalista Tereixa Paz aludiu a este tema, sendo chamada á orde en dúas ocasións e retirándolle o uso da palabra o presidente da comisión.
Ademais, o deputado socialista, Raúl Fernández, reclamoulle ao presidente da Deputación de Ourense que cumprira o acordo aprobado no último pleno do órgano e presentara a súa dimisión “se lle queda algo de demócrata”. Mesma petición que fixo o deputado de AGE, Juan Fajardo, quen tamén recibiu varias chamadas á orde, abandonando finalmente a sesión –xunto a Paz- na quenda de réplica de Baltar.