A empresa de Tecnópole Conexiona Telecom coordina a iniciativa desenvolvida no marco do programa Conecta-Pemes da Xunta.
A iniciativa galega eHeart, liderada por Conexiona Telecom, gañou o premio ao mellor proxecto español de innovación no ámbito das tecnoloxías de saúde e vida activa, concedido pola Asociación de Empresas de Electrónica, Tecnoloxías da Información, Telecomunicacións e Contidos Dixitais (AMETIC).
eHeart é un proxecto de colaboración público-privada cofinanciado pola Xunta de Galicia no marco do programa Conecta-Pemes. A empresa de Parque Tecnolóxico de Galicia – Tecnópole encabeza o consorcio que o está a desenvolver, formado polas empresas Optare, Quobis, Hacce e Tecsoftcom, co apoio tecnolóxico de Gradiant e o soporte científico da Universidade de Vigo e da Fundación do Complexo Hospitalario da Coruña. O seu obxectivo é poñer freo a unha das principais causas de morte no mundo, as enfermidades cardiovasculares.
O Premio Innova eVIA 2015 recoñece así a capacidade da innovación galega para salvar vidas a través das TIC, que se impuxo a un amplo número de candidaturas procedentes de toda España.
eHeart é un dispositivo moi pequeno que o paciente levará adherido á pel para facilitar a detección precoz e en tempo real da fibrilación auricular. Durante un episodio crítico, a aplicación envía os datos por bluetooth ao servidor sanitario, o que permite actuar rapidamente ante os primeiros signos de alarma e salvar vidas.