A Unión Deportiva Ourense araña un punto ante o Ribadavia Atlético tras remontar un 0-2.
Segue sen carburar o equipo de Antonio Dacosta lonxe do Couto. Tan só unha vitoria (en Trives) e o empate deste domingo son os resultados positivos de cinco partidos coma visitante; o resto, derrotas.
No Xestal, a pesar de que o equipo estivo dominando de principio a fin o certo é que non se deu levado os tres. As concesións atrás lastran a un equipo que non lle da collido o pulso aos campos da provincia. Certo que non se adaptan as cualidades dos seus xogadores pero non é excusa para un equipo que quere ascender.
Con media xogada o rival saca petróleo e nesta ocasión foron dous goles nos primeiros 45 minutos. Despois, a remar contracorrente.
Na segunda, o control dos unionistas volveuse máis autoritario e aos tres minutos da reanudación, Julio Martínez recurtaba distancias. Era o momento dos visitantes. Os capitalinos asediaban a portaría defendida por Pinal, pero este defendíase con grandes intervencións. Jorge, Otero, Brayan e Cristian non estiveron acertados cos seus remates. Incluso Senén enviou un balón ao longueiro ao botar unha falta directa.
Ata que chegou o minuto 80 e, novamente, Julio Martínez, lograba o segundo tanto que devolvía as táboas ao marcador. Ata o final tentárono os de Dacosta pero o marcador xa non se movería; e iso que o colexiado non deixou seguir, como lei da vantaxe, unha xogada que rematou en gol de Xaco.
Expulsión de Brayan
Cando máis atacaba a UD chegou a peor noticia do encontro. Un grupo reducido de afeccionados insultaron ao dianteiro colombiano. Brayan desquiciouse e regaloulles un curte de mangas que o árbitro o sancionou con vermella directa. Lamentable a actitude que dun grupo de persoas que acuden a un campo de fútbol para soltar insultos racistas.
O adestrador da UD, Antonio Dacosta, advertiu ao colexiado, pero este non reflexou nada no acta máis aló do curte de mangas do dianteiro. Sanción para o xogador e os «agresores» sairán de «rositas» unha vez máis.