proba escolar San Martiño 2014

As inscricións subiron nas tres categorías, pero principalmente na de participación escolar: a de 1.400 metros e a de 4.700 metros de percorrido.

Pechado o prazo de inscrición da 39ª carreira do San Martiño, este domingo, os rexistros superan as cifras históricas cun total de 11.716 persoas anotadas. Esta cifra, un 8% superior á da edición anterior, vai facer da proba pedestre ourensá a máis populosa dos últimos tempos.

As franxas de idade que máis medran en participación respecto ao ano pasado son máis temperás. Así, na categoría de “Cativos”, nados en 2007 e anos posteriores, anotáronse 2.337 rapaces, 300 máis que en 2014. Deberán cubrir unha distancia de 1.400 metros con saída prevista para as 13:15 horas. Con antelación, ás 12:30 horas, sairán os participantes da categoría “Escolar” (nados entre os anos 1999 e 2006) para cubrir os 4.700 metros de distancia que deseñou a organización da carreira, e este ano alcanzaranse os 4.013 participantes, 252 máis que en 2014.

Na categoría “Absoluta”, os nados do ano 1998 e anteriores, os 5.366 participantes anotados sairán ás 11:00 horas e percorrerán unha distancia de 10.000 metros. Todas as inscricións poden consultarse xa na páxina web deportesourense.com.

A carreira está homologada pola Federación Española de Atletismo, e a saída producirase desde a ponte do Milenio de forma escalonada para non se molestar. Como novidades máis importantes, na categoría de adultos haberá códigos de cores coas diferentes marcas persoais. Uns globos de helio axudarán a ir controlando o tempo durante o percorrido. A meta estará situada no pavillón dos Remedios.

Haberá trofeos e premios económicos para os tres primeiros atletas de cada categoría, incluíndo un exclusivo para cidadáns de Ourense, e premios en material escolar para os colexios mellor clasificados. Igualmente, haberá un premio de 500 euros para quen bata o récord da San Martiño (establecido desde 2010 en 28:49 minutos en categoría masculina e 32:45 minutos en feminina), e tamén para os máis rápidos nos 5 km. Igualmente, ao redor da carreira organizaranse a feira do corredor e doazón de alimentos dentro da “carreira solidaria”

No eido organizativo, a San Martiño volverá contar coa colaboración da Policía Local, repartida ao longo de todo o percorrido, e da Concellería de Voluntariado, que porá a disposición da organización todos os voluntarios que se anoten antes do día da carreira tanto no pavillón dos Remedios coma na propia Concellería, na praza de San Martiño 2-baixo.