O tenente de alcalde de Verín, Diego Lourenzo e a Concelleira de Cultura, Emilia Somoza, visitaron os traballos de limpeza e valoración arqueolóxica no xacemento romano do Bouzadoiro.
O xacemento, coñecido coma a Igrexa dos Mouros, está situado en terreos da Comunidade de Montes de Cabreiroá (Verín), cuxos comuneiros deron autorización ao Concello de Verín para levar a cabo a actuación.
A actuación, que empezou o pasado 3 de novembro, está financiada pola entidade de promoción turística Puertas de Galicia e dirixida polos arqueólogos Eduardo-Breogán Nieto Muñiz e Alberte Reboreda Carreira (Breogán Arqueoloxía), ten como obxectivo o redescubrimento dos restos xa escavados por Taboada Chivite a finais da década de 1940 para o seu rexistro coas técnicas arqueolóxicas actuais e a reinterpretación do sitio, catalogado erróneamente coma un castro ata a revisión do Plan Xeral de Ordenación Municipal polos mesmos arqueólogos en 2011.
Consultados varios espertos sobre este tipo de xacementos queda claro que no Bouzadoiro se atopa o único exemplo identificado ata hoxe dun singular tipo de villae romana presente tan só nas illas británicas e no arco atlántico, diferente as clásicas villae mediterráneas (cunha serie de estancias ao redor dun patio central porticado) ou as nórdicas (composta básicamente por unha robusta casa con torres laterais). Este singular tipo de villae, que podemos chamar de tipo atlántico, coñecido na bibliografía británica coma “villae with compound” (vila con recinto), componse dunha serie de edificacións exentas ou anexas delimitadas por un recinto perimetral de forma cuadrangular, doadamente identificable coa axuda da fotografía aérea actual, o que despertou as primeiras sospeitas e o interese polo xacemento.
Non era, de todos modos, un lugar descoñecido en Verín, xa que en 1946 levara a cabo Xesús Taboada Chivite unha escavación arqueolóxica, en conxunto co castro da Baixada de San Xosé, na que puxo ao descuberto unha gran estrutura rectangular de 4x12m.
A limpeza levada a cabo estes días deixou ao descuberto a planta completa do xacemento, duns 45 metros de lado e esquinas redondeadas, facéndose visibles en certos puntos as pedras que formarían o muro perimetral, así coma unha posible entrada no lateral norte. Tamén quedaron ao descuberto as terreiras e a área escavada por Taboada Chivite, onde se están centrando os traballos de escavación, onde xa se distinguen os muros por el descritos, así como novos elementos que axudarán a reinterpretación do lugar.
Nos vindeiros días continuarán os traballos arqueolóxicos, ampliando a área de escavación a sectores non explorados, procurando a lectura dos niveis estratigráficos orixinais para poder vinculalos ás estruturas xa visibles.
Prevese que os traballos continúen ata o día 17, realizando despois un rexistro topográfico e aéreo con dron. Á espera da valoración dos restos e da planificación de posibles novas actuacións quedará instalado tamén un panel informativo que se incorporará á ruta do Pozo do Demo.